InicioM.ambiente e PatrimonioSindicalista sobre o incendio de Trabada: "Non sería xusto discriminar nin culpar...

Sindicalista sobre o incendio de Trabada: “Non sería xusto discriminar nin culpar aos eucaliptos”

Jacobo Feijóo, responsable de desevolvemento rural de Unións Agrarias, precisa que "a madeira queimada ten valor", aínda que dentro da madeira queimada das distintas especies arbóreas, "a que menos valor ten, curiosamente, é a de eucalipto".

Publicada o

- Advertisement -

A Mariña lucense é unha zona caracterizada a nivel arbóreo por contar con grandes masas de eucalipto. Nela tamén se atopan algunhas zonas con piñeiros, así como con vexetación de ribeira, próxima aos regatos, pero son unha minoría. De feito, o eucalipto é tan abundante que a industria da madeira emprega a medio milleiro de persoas no norte galego en 50 empresas que moven 100 millóns de euros anualmente. Así as cousas, tal e como aseguraron os alcaldes de Ribadeo e Trabada tras os incendios rexistrados a pasada semana, as consecuencias do queimado suporán “perdas millonarias”.

Con todo, xorde agora unha pregunta: foi o eucalipto o que causou a expansión dun lume que chegou a case 3.000 hectáreas de superficie calcinada (sumando tamén ás 2.326 hectáreas arrasadas en Trabada ás máis de 230 de Foz)? “O principal é entender, e creo que hai consenso sobre iso, que o incendio foi provocado“, asegura Jacobo Feijóo, responsable de desenvolvemento rural do sindicato Unións Agrarias, que apunta que partindo desa base “xa é distinto a analizar un lume orixinado espontáneamente por un raio, por exemplo”. 

Así, indica que “se ti vas a queimar unha zona de frondosas cando o tempo é favorable, o día que lle prendes vai arder a zona de frondosas, o piñeiro, o eucalipto e a matogueira, todo”. Polo tanto, Feijóo amósase convencido de que “hai unha intencionalidade, un dolo e unha ‘mala leche’ detrás deste lume, que foi un lume intelixente, pois souberon escoller o momento preciso e onde poñer o lume“. Neste caso, puxeron a mira sobre o eucalipto, non se sabe se buscando que fose esa especie ou por casualidade, xa que é a máis abundante na Mariña. O que ten claro o sindicalista é que “non sería moi xusto discriminar ou culpar ao eucalipto” neste caso.

O que non é menos certo é que baseándose nos datos presentes na guía que elaborou o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán sobre os combustibles forestais, no que se analizan diferentes especies segundo a súa densidade, a proximidade ao sotobosque e outras moitas variables, o eucalipto contribúe a expandir o lume máis rapidamente que outras especies. Aínda así, Feijóo matiza que “neste estudo evidénciase que non importa tanto a especie como a xestión que se faga da masa, é dicir, podes ter un eucaliptal con árbores moi separadas e vai arder a unha menor velocidade e vas ter menos probabilidades de lume de copas que nunha masa de frondosa moi xunta e abundante“.

A VELOCIDADE DE PROPAGACIÓN É ENTRE UN 30 E UN 40 % MAIOR

Deste xeito, asegura que no tema dos lumes vinculados á presenza de eucaliptos na zona é importante ter en conta tres variables: “Primeiro, o terreo no que están plantados, porque moitas veces fanse comparacións inxustas, dicindo que hai unha masa de frondosas que retén moi ben a humidade, pero que está nun chan bo ou nunha zona de val, comparándoa cunha masa de eucaliptos que está nunha ladeira, que xa polo tipo de chan e a exposición é un lugar con moita menos humidade que o outro; segundo, a forma en que teñas distribuída a masa arbórea, porque é importante tanto a densidade do número de árbores como a silvicultura preventiva contra os lumes, é dicir, que non exista contacto directo entre o sotobosque con xestas e toxos baixo o arboredo que estean tocando as copas, porque se entra un lume aí seguro pasará ás copas”. 

en terceiro lugar entraría a análise máis xusta, ao realizar unha comparativa entre dúas masas de árbores, frondosa como o piñeiro e eucalipto, que se atopen na mesma zona, nas mesmas condicións de humidade e separadas á mesma distancia. Nestas circunstancias, onde se propagaría máis rápido o lume? Neste caso, Feijóo confirma que “si é certo que o eucalipto ten unha velocidade de propagación maior, pero tampouco estamos a falar de dúas, tres ou catro veces máis, senón de entre un 30 e un 40 % máis de velocidade de propagación”.

COMO PODE PRENDER UNHA ZONA TAN HÚMIDA COMO A MARIÑA?

Pero aínda considerando que o eucalipto puidese facilitar a expansión do incendio, a pregunta que xorde é como foi que se iniciou nunha zona tan húmida como é A Mariña, onde se supoñía que era case imposible que houbese grandes lumes. “Tamén era moi difícil que ardese centro Europa ou Suecia e fai uns anos tiveron un verán seco e sufriron uns incendios tremebundos”, ironiza o sindicalista. Neste caso, tamén cre que “o que realmente marca a diferenza é a sequía, pois aínda que este ano globalmente en Galicia choveu durante o verán, curiosamente na zona da Mariña houbo unha sequía fastidada, como evidencia o feito de que a colleita de millo foi fantástica en toda a comunidade agás na Mariña, onde foi peor que outros anos pola sequía”.

Partindo deses precedentes, “a eles añadiuse estas pasadas semanas dun outubro que semellaba máis ben agosto, no que se deron as condicións ideais para propagar o lume e alguen, polas declaracións do propio conselleiro de Medio Rural, aproveitou para prenderlle á zona da Mariña, ou sexa, estamos falando de lumes que teñen intencionalidade”. “Un lume pode ser accidental, causado por un raio, por unha chispa dun tendido eléctrico ou dun tractor traballando un día de temperatura moi elevada, contando coa axuda da man do home sen querelo, e pode ser intencionado, o que xa é outra categoría”, conclúe Feijóo.

“A MADEIRA QUEIMADA TEN VALOR, PERO NON SE USARÁ PARA PASTA DE PAPEL”

Os alcaldes tanto de Trabada como de Ribadeo falaban de “perdas millonarias”, pero a canto poderían ascender concretamente? O sindicalista explica que “as perdas dependerán de en que fase estivesen as plantacións de eucalipto, se estaban ao comezo, á metade ou preto do final”. Con todo, precisa que “a madeira queimada ten valor“, aínda que dentro da madeira queimada das distintas especies arbóreas, “a que menos valor ten, curiosamente, é a de eucalipto“. Por que? Porque o mellor prezo do mesmo alcánzase no mercado da pasta de papel “onde a madeira queimada dá problemas para ser branqueada, estropeando o resto da pasta branca”.

Para o que si continúa valendo o eucalipto queimado é para “serrar ou facer taboleiros, entre outros usos”. Feijóo explica que lle acontece o mesmo que “a un piñeiro, que tamén despois do lume continúa servindo”. “No caso do piñeiro tes que darte présa en cortalo, porque se tardas azúlase, éntranlle fungos e cando o vas facer táboas estas perden calidade, deprécianse por ter unha cor máis fea, azulada, que se ve que ten o fungo”, indica. “No caso do eucalipto, como non se usa para serraxe, practicamente, agás algúns exemplares ou eucaliptos enormen que valan para vigas de batea, devalúanse moito no mercado da pasta de papel”, afirma, concluíndo que “non é un bo negocio queimar a madeira do eucalipto”.

Ademais, puntualiza que “as maiores perdas danse nos casos de plantacións a medias que non teñen valor comercial, onde é o propietario o que ten que facer un gasto en talar todo o queimado e volver a plantar”, ao que se suman “os danos ambientais sobre o chan, a erosión e todo o que esta acarrexa”. Para facernos á idea, este experto cifra o custe dunha hectárea de eucalipto con árbores dun peso de 400 toneladas en total entre os 12.000 e os 20.000 euros; e o custe de volver plantar esa hectárea de terreo queimada sería duns 1.800 euros. E nese terreo, se se planta inmediatamente despois de que ardese, débense adoptar unha serie de medidas adicionais para evitar a erosión do chan, como plantar en curvas de nivel para que non haxa arrastres ou facer zanxas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...