O saneamento da ría de Viveiro enfrontou este luns a goberno local e BNG despois de que o partido nacionalista rexistrase un manifesto apoiado por 29 colectivos no que acusa de “pasividade” ao executivo municipal, unha acusación que a alcaldesa, a socialista María Loureiro, rexeitou a través dun comunicado.
Asociacións veciñais, culturais e comerciais, clubs deportivos, sindicatos, representantes de Puerto de Celeiro ou patrón maior celeirés, entre outros, respaldaron a reivindicación do BNG viveirense, presentada no consistorio e ante a delegación de Mar da Xunta de Galicia en Celeiro.
O texto impulsado polos nacionalistas lamenta que a veciñanza e maila ría de Viveiro “padece desde hai máis de dúas décadas as constantes roturas do emisario submariño en múltiples tramos” e reparte responsabilidades entre o Executivo autonómico e o goberno local.
O manifesto lembra que “transcorreron dous anos desde a sinatura dun convenio entre a Xunta e o goberno de Viveiro por importe de tres millóns de euros, sen que ningunha das tres obras principais -construción dun novo bombeo con depósito de retención, optimización da EDAR e a execución dun novo emisario submariño– foran iniciadas”.
Así, o comunicado subliña que “a ría segue a ser un vertedoiro” e acusa á Xunta de “irresponsabilidade” e de facer “falsas promesas”. Ademais, censura a actitude do executivo municipal.
“Xunta e Concello prefiren botar balóns fóra e culpabilizar o un ao outro en lugar de actuar con celeridade ante unha situación crítica”, argumenta o texto, que empraza ás administracións local e autonómica a “cumprir cos prazos prometidos e a deixar de xogar coa saúde e os postos de traballo da veciñanza”.
RESPOSTA
A alcaldesa de Viveiro defendeu a súa xestión a través dun comunicado no que asegura que o BNG impulsou un manifesto “que insta ao Concello a executar unhas obras que non nos corresponden” e no que interpreta “un interese partidista”.
“Levamos anos denunciando esta situación ante as administracións implicadas, realizando as xestións oportunas para axilizar os trámites e instando á execución do convenio referido o antes posible”, asegura a rexedora, que sinala que “ninguén pode acusar ao Concello de pasividade”.
Loureiro lembra que “mantivemos reunións con Augas de Galicia e cos responsables de Costas, tanto en Lugo como en Madrid, para coñecer de primeira man o estado da tramitación do expediente, que é complexo por estar implicadas tres administracións distintas”.
PROXECTO
A finais do pasado mes de outubro, Augas de Galicia comprometeuse a retirar a parte non soterrada do emisario de Viveiro para construír un novo, requisito demandado por Costas para conceder o permiso das obras de saneamento.
Augas de Galicia asegurou entón que a licitación deste proxecto podería realizarse nun prazo de seis meses.