-Que determinou ao Concello de Cervo a colocar os contedores marrón?
Este contedor responde á demanda da UE para colocalos en todos os estados membros. A finais de 2024 deberán estar colocados en todos os concellos. Mais á parte diso, e cumprindo coa lei, aquí en Cervo tiñamos unhas taxas de reciclaxe moi boas a nivel de vidros, plásticos e outros elementos. Por iso consideramos que non sería difícil implantar o contedor marrón e ademais a xente apoiou e axudou con este tema. Co índice alto de reciclaxe no noso concello, pareceunos o momento de colocar o quinto contedor para crear a reciclaxe circular de todo o noso lixo.
-Realizaron campañas de concienciación e preparación de cara á cidadanía para o uso destes contedores marrón?
Si e sempre co apoio da Mancomunidade, da Xunta de Galicia e de Sogama. Estas campañas fixémolas no núcelo de Cervo como no de San Cibrao. Fomos polos colexios, fixemos pasquíns para todas as persoas, para teren claro en que contedor botar determinados residuos. Tamén fixemos un mapa do concello con todos os puntos de localización dos contedores marrón. Aínda así, non temos instalados contedores en todos os lugares que programamos, pois imos ir pouco a pouco, dunha maneira en que a xente pida un contedor marrón. De feito os contedores que temos teñen chave porque para iso debe haber unha concienciación para quen diga “quero botar lixo no marrón” e por iso lle damos chave, pois se estivesen abertos encontrariamos moitísimos impropios.
-A onde van parar os residuos dos contedores marrón?
Aquí en Cervo está a planta de Sogama para toda a comarca da Mariña e aí vai parar todo o residuo. Logo, unha empresa allea a Sogama caracteriza o residuo para saber se a xente o está facendo ben. Xa tivemos a primeira caracterización cun resultado dun 97% de sensibilización. A caracterización é saber se todo canto se bota neste contedor é realmente o que se debe botar. Todo isto porque, a pesar de que a xente pode estar ben formada, tamén pode cometer erros.
-Houbo algún motivo en especial polo que se asentou Sogama no Concello de Cervo?
Sogama buscaba un lugar céntrico a nivel de costa e o Concello de Cervo tiña os terreos no polígono de Cuíña para poder cederllos a Sogama. As instalacións construíronse cun grande investimento e tamén debemos ter en conta que estamos no centro da comarca.
-O contedor marrón pode ser solicitado por particulares?
Non, nós desde hai tempo xa tiñamos instalados os composteiros para o compost, sobre todo no medio rural e en casas particulares. Deses xa temos repartidos uns 300 en Cervo. Aquí, aos que viven máis no urbano, dámoslle unhas instrucción e un caldeiro pequeno marrón para as súas casas con bolsas adaptadas de reciclaxe para o que se botará nesa bolsa, que tamén se pode reciclar. E iso lle ofrecemos aos veciños, cada un leva a súa chave para botar no contedor que teña máis perto.
-Como describiría a recepción desta iniciativa?
Moi boa. Eu xa digo, cando implantas algo tes que deixalo medrar. Ás veces por deixadez e comodidade depositamos no contedor que non é, mais agora hai unha concienciación grande e xa temos 60 solicitudes. A recollida faina o servizo municipal, o contedor ten o mesmo formato que os contedores verdes. Hai uns días e unhas horas específicas para a recollida, son un par de horas pois polo de agora temos uns 18 contedores marrón.