InicioM.ambiente e PatrimonioVarias asociacións ambientalistas piden o peche de Alcoa

Varias asociacións ambientalistas piden o peche de Alcoa

#StopALCOA piden o peche definitivo da factoría de alúmina e aluminio ante os "pasivos ambientais" que deixa atrás como a balsa de lodos vermellos.

Publicada o

- Advertisement -

As asociacións Ecoloxistas en Acción Galiza, “Atlántica e Verde” (ecoloxistasenaccion.org), Petón do Logo, Salvemos Monteferro, Cova Crea e A Ría non se Vende piden o cesamento da actividade na factoría que Alcoa ten en San Cibrao. As organizacións sinalan que “non é de recibo continuar agrandando o pasivo ambiental que deixa Alcoa en San Cibrao, polo que esiximos o peche definitivo da empresa e a restauración ambiental inmediata da balsa de lodos tóxicos”.

As asociacións asinantes dun manifesto pedindo o peche da planta metalúrxica apuntan que esta deixa atrás unha “grande entulleira de lodos tóxicos e corrosivos ao descuberto: unha balsa de 87 hectáreas de superficie e 42 hectómetros cúbicos de capacidade practicamente desbordada e cuxa vida útil debera finalizar xa”.

Ante a previsión dunha nova ampliación da balsa de lodos vermellos ata os 110 metros de altura, os grupos ambientalistas apuntan que se está creando unha “bomba de reloxería ambiental froito dunha clara irresponsabilidade política”. Cun dique de 80 metros de altura e un quilómetro de lonxitude na súa coroación, esta construción está a apenas 60 metros dunha planta de acuicultura, a uns 200 dun núcleo habitado e a 450 metros do mar Cantábrico e de espazos protexidos da Rede Natura 2000. “Ao enorme almacén de 80 metros de profundidade verteuse nos últimos anos cada día unhas 3.000 toneladas de residuos indisolubles procedentes do tratamento de bauxita con sosa cáustica, un produto alcalino cun elevado potencial corrosivo”.

Por outra banda, apuntan tamén no seu comunicado que as perdas anuais da fábrica estarían superarían os100 millóns de dólares. “Unha rotura da balsa produciría consecuencias nefastas e irreparables para o medio ambiente, a Rede Natura 2000, a saude humana e dos ecosistemas e o Mar Cantábrico, con especial afectación á Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Mariña Occidental”.

Desde a perspectiva dos grupos asinantes do manifesto, podería producirse a catástrofe química máis grave do país, “que nos recorda ao desastre de Hungría de 2010, ou o de Mariana en Brasil no 2015 xa que a balsa é un perigo latente no que unha tonelada de aluminio, no proceso bauxita alúmina-aluminio dá lugar a tres toneladas de lodos vermellos compostos por produtos químicos con efectos tóxicos para os humanos e os ecosistemas“. A balsa de lodos tóxicos de San Cibrao acada catorce veces máis residuos que a que causou a catástrofe química de Ajka, en Hungría. Tamén lembra o desastre da rotura da balsa de pirita de Aznalcóllar que contaminou o Guadiamar e chegou ás portas de Doñana.

No doumento, os asinantes insisten en que non se pode continuar esperando un dos maiores problemas ambientais que ten Galicia nestes momentos. Por outra banda, o Plan de emerxencia, “no que non se garantiu na súa elaboración unha participación pública eficaz e efectiva, minimiza os impactos ambientais e sobre a saúde humana e dos ecosistemas e é papel mollado”, porque “non impide en modo algún a ameaza do que sería o maior desastre ambiental da historia de Galicia, de España e de Europa, no caso de rotura da balsa”. “O mantemento da balsa de lodos tóxicos vulnera a normativa europea relativa á protección do medio ambiente e os principios de prevención e cautela cando está en xogo a sáude humana e dos ecosistemas”.

Segundo a súa análise “este modelo de grande industria de enclave, globalizado e contaminante é obsoleto e manifestamente insostible, como se deu a demostar nas catro décadas da súa existencia”. Baseado ademais “no gasto supérfluo de enerxía como industria electrointensiva, e á que se lle pretende lavar a cara a través da proxección de varios macroparques eólicos pola xeografía lucense e galega”. Isto suporía por engadido “unha amplitude do seu impacto ambiental polo territorio ao que nos opoñemos frontalmente”.

Por todo isto, conclúen que “urxe pechar unha fábrica inviable desde o punto de vista económico, enerxético e ambiental e acometer sen demora, un plan de restauración integral da balsa de lodos tóxicos, con cargo aos fondos da propia empresa, así como a busca dunha alternativa aos postos de emprego da dita industria que se debeu prever e levar a cabo xa hai moito tempo, no canto de subvencionala e por engadido con fondos públicos como sucedeu e de xeito insostible e despilfarrador dende hai uns anos ata agora”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...