A cova de Tronceda, en Mondoñedo, ocupa a capa dunha das últimas publicacións da Unión Internacional de Espeleoloxía.
O derradeiro número da revista da Comisión de Pseudokarst da organización internacional inclúe un artigo do espeleólogo vigués Marcos Vaqueiro sobre cavidades naturais en rocas graníticas no noroeste peninsular.
O artigo refírese ao estudo das características climáticas que realizou nestas covas para a investigación que recolle na súa tese de doutoramento “Cavidades naturais en rocas magmáticas. As covas en rocas plutónicas”, presentada en 2017 e dirixida polo xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní.
A imaxe tomouse nunha das salas principais da cavidade, onde se ubica unha colada de pigotita de gran tamaño que a tese describe como “a de maiores dimensións de todas as estudadas no mundo ata agora”.
RÍO TRONCEDA
A cova formada por bloques graníticos canaliza o río do mesmo nome -un dos principais afluentes do Masma– nun canón subterráneo de 195 metros de desenvolvemento proxectado.
Foi a primeira cavidade granítica documentada na provincia de Lugo. Sen embargo, na cornixa atlántica galega localízanse algunhas das formacións deste tipo máis importantes de Europa occidental como a da Trapa, no monte Aloia, ou a do Folón, en Vigo.
INTERESE CIENTÍFICO
As investigacións de Marcos Vaqueiro abren o foco sobre o interese científico deste tipo de cavidades nas que se teñen localizado mostras de ADN fosilizado de bacterias, algas, poles, amebas ou ácaros, atrapados no desenvolvemento deste tipo de formacións.
No Monte Pindo, en Carnota, constatouse a existencia de pole de 4.000 años de antigüidade.”Na de Tronceda tamén se tomaron mostraxes pero a identificación de ADN é un proceso que leva tempo e require recursos”, apunta Vaqueiro.
RISCOS
O espeleólogo tamén advirte sobre os “riscos de exploración” que supoñen este tipo de cavidades con correntes de auga cuxos niveis poden variar de forma brusca e pouco previsible.