A Deputación premiará con dous millóns as boas prácticas medioambientais na Serra do Xistral

O goberno provincial financiará en once concellos medidas de desenvolvemento sostible da gandería e do uso do monte

Xuntanza entre Xunta e Deputación do proxecto 'Life in Common Land'. AXM

A Deputación de Lugo presentou á Xunta de Galicia o proxecto ‘Life in common Land‘, un programa comunitario que lidera o ente provincial para desenvolver medidas de aproveitamento sostible na Serra do Xistral, no referente á xestión gandeira e á conservación dos hábitats naturais nos montes comunais.

O vicepresidente e deputado de medio ambiente, Argelio Fernández Queipo, mantivo un primeiro encontro de traballo coa directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo Piñeiro.

O programa, que conta coa aprobación inicial da Unión Europea, está dotado de dous millóns de euros, dos que 1,4 son de fondos europeos, 212.000 da Deputación, 198.000 da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e 100.000 da Universidade da Coruña (UdC).

As zonas de especial protección, como a Serra do Xistral, contemplan certas limitacións de uso e aproveitamento do territorio, que veñen impostas pola normativa vixente.

O obxectivo de ‘Life in Common Land’ é ofrecer solucións a estas limitacións e mellorar a produción gandeira e forestal a partir de implantar modelos de aproveitamento baseados nas experiencias dos usuarios dos montes, a fin de dotar o rural de oportunidades.

A particularidade de ‘Life In Common Land’ é que serán os usuarios e propietarios os encargados de aplicar na Serra do Xistral as distintas medidas para o aproveitamento sostible deste espazo.

Unha vez avaliados e cumpridos os obxectivos fixados, os donos recibirán compensacións económicas, o que converterá a Deputación de Lugo na primeira administración en España que premie economicamente as boas prácticas ambientais para a conservación dos hábitats protexidos.

SETE CONCELLOS MARIÑAOS AFECTADOS

A Serra do Xistral, que conta cunha extensión de 5.000 hectáreas e forma parte da Rede Natura 2000, abrangue os concellos de Abadín, Alfoz, Mondoñedo, Muras, Ourol, O Valadouro, Vilalba, Xermade, Xove, Viveiro e Cervo, ademais das Pontes

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here