InicioM.ambiente e PatrimonioA permuta da Torre dos Moreno, pendente da rehabilitación da antiga Casa...

A permuta da Torre dos Moreno, pendente da rehabilitación da antiga Casa da Telefónica

A Xunta renuncia á parte de propiedade municipal do edificio da Praza de España, que se cederá a empresa Paisajes de Asturias cando dispoña do permiso para restaurar o inmoble da Praza de Abaixo

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Ribadeo agarda que o proxecto de rehabilitación da antiga Casa de Telefónica reciba o visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio para concretar o acordo ao que chegara coa empresa Paisajes de Asturias en relación coa Torre dos Moreno.

En xullo pasado, o goberno local anunciara a súa intención de permutar a parte da propiedade municipal do emblemático edificio da Praza de España –o 21,25%– polo inmoble da Praza de Abaixo restaurado. 

O proxecto do executivo local esixía ofrecer á Xunta de Galicia o dereito de tanteo e retracto sobre a propiedade municipal. Segundo explicou o alcalde ribadense, a administración autonómica renunciou a exercitar esa facultade.

“Basicamente confirmaron que non teñen interés ningún”, sinalou Fernando Suárez Barcia, que lembrou a “falta de colaboración” do goberno autonómico na última intervención realizada na Torre dos Moreno en 2012 para evitar o seu desplome, financiada polo concello e Paisajes de Asturias.

O rexedor explicou que o goberno local mantén a folla de ruta para concretar a permuta. “Estamos agardando que Paisajes de Asturias teña o informe favorable de Patrimonio para rehabilitar o outro inmoble. Non podemos avanzar sen ter esa garantía”, argumentou Suárez Barcia.

O proxecto está pendente dunha corrección de erros por parte da firma que, en primeira instancia, non obtivo a autorización da administración autonómica.

Unha vez restaurada e en mans do concello, a antiga Casa da Telefónica acollerá o xulgado de paz, agora ubicado nun edificio “nunha situación estrutural terrible”, admitiu o rexedor que acusou á Xunta de Galicia de aproveitar “resquicios legais” para “desentenderse” das condicións nas que traballa “o seu persoal”.

INICIATIVAS DO PSdG NO PARLMENTO

O PSdG de Ribadeo, que se posicionou a favor da proposta do goberno local de iniciar o procedemento para a permuta con Paisajes de Asturias, lamentou  “que dende o Concello de Ribadeo e dende a Xunta de Galicia non se estea informando á cidadanía sobre o futuro da Torre dos Moreno”.

O grupo socialista explicou que presentara “diferentes iniciativas no Parlamento autonómico para esixir ao goberno galego que aclare en que situación está a petición do Concello de Ribadeo de ceder a parte de propiedade municipal do inmoble.

RENOVACIÓN DAS PLACAS

Trinta rúas e prazas da zona nova de Ribadeo terán nos vindeiros días novas pracas idenficativas.

O concello  informou de que a empresa adxudicataria das actuacións está a traballar na renovación da sinalética, como xa fixera coas do casco antigo.

Os soportes foron deseñados por Sargadelos e, algúns deles, levan textos escritos polo cronista oficial ribadense, Eduardo Gutiérrez.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...