EFE. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, confirmou que este mércores se producirá unha xuntanza a tres bandas entre a Xunta de Galicia, o Concello de Ribadeo e o Ministerio de Transición Ecolóxica para presentar o estudo xeolóxico e xeotécnico do Monumento Natural Praia das Catedrais e delimitar as responsabilidades de cada administración.
En declaracións a Efe, do Campo explicou que a reunión servirá para presentar as conclusións do estudo xeolóxico e xeotécnico das Catedrais encargado polo Goberno galego á Universidade da Coruña, a través da Fundación Enxeñaría Civil de Galicia, a raíz do accidente mortal que se produciu na Semana Santa de 2018.
Así mesmo, o encontro servirá para delimitar a responsabilidade de cada unha das administracións, dado que a Xunta aclara que é o Ministerio de Transición Ecolóxica o que ten as competencias na materia de “policía preventiva” para garantir “a seguridade dos usuarios” nun espazo ubicado “integramente en terreos de dominio público marítimo-terrestre”.
Neste senso, do Campo precisou que o estudo elaborado sobre a situación xeolóxica do monumento natural revela que “no día a día pode haber risco de caída de rochas” sobre os usuarios, o que “pon en evidencia a necesidade de reforzar as medidas de seguridade no areal”.
En función dos resultados da cartografía de riscos que se realizou sobre o terreo, o informe recomenda, entre outros aspectos, reforzar a sinalización e incluso o impacto das mensaxes referidas aos treitos e elementos naturais nos que a probabilidade de caída do material é alta ou moi alta.
PASARELA DE MADEIRA NO CANTIL
A Fundación Enxeñaría Civil de Galicia propón tamén incluír no percorrido ao borde do cantil unha pasarela de madeira de características similares ás que ten a senda existente, e a instalación de miradoiros en zonas concretas, estables e seguras.
“Temos que incrementar os carteis de aviso de perigo”, asegurou a directora xeral de Patrimonio Natural, tanto “na entrada da propia praia como nas sendas habilitadas para peóns” e noutros puntos das Catedrais nos que poden producirse este tipo de desprendementos, pero tamén “incrementar a vixilancia” para evitar que a xente “acceda onde non ten que acceder”.
Do Campo lembrou que a praia das Catedrais é un dos monumentos “máis visitados de Galicia”, polo que tamén é necesario “regular o acceso” ao areal, especialmente nos momentos nos que se agarda unha maior afluencia de público.
VACACIÓNS “Á VOLTA DA ESQUINA”
Por iso, expresou o seu desexo de que exista un bo entendemento entre as administracións implicadas e que a Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa, que depende do Goberno central, asuma “as súas responsabilidades” e as súas “competencias”, dado que “a Semana Santa está á volta da esquina”.
No tocante á reunión, celebrarase na sede do Ministerio, aínda que o alcalde ribadense, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, intervirá a través de videoconferencia.