InicioM.ambiente e PatrimonioRiotorto acollerá a primeira das reunións coa veciñanza para recadar datos sobre...

Riotorto acollerá a primeira das reunións coa veciñanza para recadar datos sobre a Vía Rexia do Norte

Os impulsores do proxecto, que aspira a obter o recoñecemento de Camiño de Santiago para a ruta, buscan información en fotos antigas, escrituras ou na toponimia para perfilar o itinerario

Publicada o

- Advertisement -

O Museo do Castro de Viladonga acolleu unha reunión con asociacións dos dez concellos galegos e asturianos que percorre a Vía Rexia do Norte.

Un grupo de traballo formado polos municipios, a pinacoteca, a Deputación de Lugo e varios especialistas aspira a que se recoñeza a ruta como Camiño de Santiago.

Na xuntanza explicouse ás máis de 50 persoas asistentes os traballos realizados ao longo dos máis de tres anos de proxecto, desde febreiro de 2016 até hoxe.

A continuación, a empresa de enxeñería Xelda Eido Rural, encargada de levar a cabo o proxecto de recuperación e posta en valor, expuxo o traballo a realizar nos vindeiros meses deste ano 2019.

Así, estableceuse un calendario de reunións a nivel local, repartidas por concellos, de forma que nesas xuntanzas se poida estudar máis a fondo os mapas cartográficos do itinerario, e ampliar e corroborar a información que se ten xa rexistrada.

A IMPORTANCIA DA MEMORIA ORAL

Estas reunións comezarán o 29 de marzo no concello de Riotorto. Seguirán a de San Tirso de Abres, Meira e Pastoriza, Vegadeo, A Pontenova, Castro de Rei, Castropol, Pol e Lugo.

A intención desta reunión foi establecer contacto coas asociacións vinculadas con este camiño, para servir de filtro e coordinación coa poboación local, chegando desta maneira á veciñanza.

O obxectivo é colaborar co proxecto para incrementar a recollida de información que avale o estudo que se está a facer a nivel bibliográfico, documental, territorial, patrimonial ou etnográfico.

A parte etnográfica e a memoria histórica oral e colectiva “é algo que non aparece reflexado documentalmente na maioría das ocasións, e que é importantísimo á hora de valorar e estudar a información achegada e o territorio no que se traballa”, sinalan desde a organización do proxecto.

A veciñanza é “propietaria dun saber fundamental, ás veces por medio de fotografías antigas, escrituras de fincas onde aparecen lindes que identifican este camiño, ou coñecedores da toponimia e microtoponimia, elementos patrimoniais ou xeográficos, que vinculan directa ou indirectamente a contorna coa traza na que se está a traballar”.

Por este motivo se fixo un chamamento a toda a veciñanza que poida aportar información a participar nas reunións programadas.

HOMENAXE A XOSÉ MANUEL CARBALLO

A xuntanza serviu tamén para lembrar ao cura de Castro de Rei, Xosé Manuel Carballo, que formou parte do grupo de traballo dende o momento da súa formación e que sempre tivo presente e reivindicou a necesidade de vincular á poboación por medio das asociacións veciñais e culturais.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...