A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asumirá o custo da instalación da nova cartelaría nas zonas con maior risco de desprendementos no Monumento Natural da praia das Catedrais, antes de que se produza a chegada “dos miles de visitantes” que se agardan para a Semana Santa.
Así o anunciou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, trala reunión que mantivo, acompañada do alcalde de Ribadeo, con responsables da Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar, que depende do Ministerio de Transición Ecolóxica.
Segundo do Campo, o Goberno central descartou que se vaia facer cargo do reforzo da sinalización, demandado pola Xunta trala presentación dun informe xeolóxico e xeotécnico sobre o estado do monumento natural. O Goberno galego reclamara máis advertencias para concienciar aos visitantes sobre o perigo dos desprendementos.
Segundo a versión da propia Xunta, o argumento esgrimido polo ministerio para non asumir ese gasto con fondos propios é que “carece de competencias en materia de seguridade”.
A XUNTA DI QUE SE TRATA DUN DOMINIO PÚBLICO MARÍTIMO-TERRESTRE E O GOBERNO AFIRMA QUE NON TEN COMPETENCIAS EN SEGURIDADE
A Xunta lembrou que o monumento natural está localizado “integramente en terreos de dominio público marítimo-terrestre”, de xeito que é a “Adminstración do Estado quen ten que custear calquera medida preventiva destinada a evitar o perigo para as persoas na zona, no exercicio das súas competencias”.
Do Campo presentou ao Goberno o estudo xeotécnico e xeolóxico, elaborado pola Fundación Enxeñería Civil de Galicia. No informe, recoméndase “mellorar a sinalización nos puntos identificados como máis sensibles a posibles desprendementos”, logo do accidente mortal que se produciu o ano pasado na Semana Santa.
NA SEMANA SANTA DE 2018, UNHA TURISTA MORREU AO DESPRENDERSE UNHA ROCHA E IMPACTARLLE NA CABEZA
As medidas “máis urxentes” a acometer segundo o documento, precisou do Campo, son “melloras na sinalización e a cartelería tanto na entrada da praia como no propio areal, e tamén na senda acondicionada para os peóns por riba dos arcos”.
A directora xeral de Patrimonio Naturala asegurou que a Xunta xa solicitou os orzamentos e asumirá a colocación das advertencias “malia non dispór das competencias”. No tocante ao prazo, afirmou que espera poder concretar “a próxima semana” todos os detalles para proceder á instalación dos novos elementos de seguridade.
PASARELA DE MADEIRA
A Fundación Enxeñaría Civil de Galicia tamén propón a prolongación o percorrido existente pola marxe do cantil do monumento natural.
O estudo recomenda materializar esta ampliación cunha pasarela de madeira de características similares á que ten a senda xa existente e con instalación dalgún miradoiro en zonas moi concretas, estables e seguras desde o punto de vista xeolóxico.
SUÁREZ BARCIA PIDE “ENTENDEMENTO”
O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, avogou polo entendemento de todas as administracións que teñen competencia neste momento na praia das Catedrais.
O rexedor lembrou que o areal “non é unha praia do Mediterráneo nin do Levante”, senón un espazo natural singular e salvaxe, e engadiu que “desde as administracións queremos dar unha imaxe ao mundo de traballo conxunto”.
“OGALLÁ QUE UNHA LIORTA ENTRE ADMINISTRACIÓNS, EN PLENAS ELECCIÓNS, NON TEÑA UN DESENLACE MALO”, DI O REXEDOR
Suárez Barcia expuxo que “hai diferentes visións por parte da Xunta e por parte do ministerio” e asegurou que “por nada do mundo querería que por unha liorta entre administracións, en período electoral, puideran ter un desenlace malo. Debemos garantir a seguridade e reforzala”, aseverou.
PLAN ESPECIAL DA CONTORNA
O alcalde lembrou a aprobación provisional, tras catro anos, do plan especial da contorna da praia das Catedrais, que excede máis aló do monumento natural, que é competencia autonómica.
aprobado provisionalmente o plan especial da contorna, que regulará sendeiros ou aparcadoiros
“Agora estamos pendentes de envialo ao ministerio para que nos dea o último informe, para que a Xunta poida proceder á aprobación definitiva. Con este plan poderíanse facer sendeiros replicando os que hai cara ao este desas pasarelas de madeira, que tamén poderían ser un lugar para descargar moitísima presión sobre a praia”, asegura. O proxecto tamén permitirá regular os aparcadoiros.