Loureiro agarda que o anuncio da licitación do saneamento da ría no 2019 “non sexa outra mentira do PP”

A rexedora de Viveiro lamenta que "pasaron tres meses" sen que o goberno local teña novas sobre o concurso do proxecto, anunciado para abril por Augas de Galicia

Ría de Viveiro. CONCELLO DE VIVEIRO

A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, presionou o pasado sábado a Augas de Galicia para que licite neste 2019 o proxecto de saneamento da ría de Viveiro, unha licitación anunciada para abril polo ente autonómico.

“Agardemos que non sexa unha mentira máis por parte do PP, porque levamos case dez anos escoitando promesas incumpridas por parte da Xunta de Galicia de que van solucionar o problema dos vertidos”, afirmou.

Loureiro remarcou que “mantivemos reunións en Madrid con Costas e en Santiago de Compostela con Augas de Galicia para que chegasen a un acordo e se iniciaran xa os traballos. Hai cinco meses, acadamos o compromiso da directora de Augas de Galicia de que no 2019 comezarían as obras. Xa pasaron tres meses e non temos ningunha nova”, lamenta.

DEZ ANOS DE ESPERA

A rexedora sostivo que “non sería a primeira vez que a Xunta non cumpre”. Así, lembra que “xa o fixo no 2010, cando a Unión Europea esixiu o saneamento da ría de Viveiro e o Executivo galego anunciou que estarían executados os traballos en 2015, cun investimento de cinco millóns de euros. No 2016, dende o Concello de Viveiro asinamos o convenio con Augas de Galicia, cunha rebaixa no investimento inicial de dous millóns, quedando só 3 para a totalidade das obras”, indicou.

Loureiro detallou que as actuacións previstas son dotar a Celeiro dunha estación de bombeo, un depósito de retención e pretratamento, a optimización da depuradora e a instalación dun emisario submariño de 858 metros.

CRÍTICAS A DE OLANO

A alcaldesa respondeu ás críticas do deputado do PP e concelleiro Jaime de Olano. “Non fixo nada para avanzar nun proxecto capital para Viveiro e A Mariña Lucense. Non tivo nin a decencia de pedirlle aos seus compañeiros de partido que atenderan unha débeda histórica cos veciños”, censurou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here