Burela locirá A Marosa, O Cantiño e O Perdouro cunha nova edición das xeorutas

O Concello mantén os tres itinerarios, que se poderán desfrutar da man do guía Fran Canosa os días 17, 18, 20 e 21 de abril

Presentación das xeorutas que impulsa o Concello de Burela. AXM

O Concello de Burela programará catro Xeorutas que se desenvolverán na Semana Santa, os días 17, 18, 20 e 21 de abril. Trala incorporación o pasado ano do roteiro do Cantiño aos habituais da Marosa e O Perdouro, nesta edición manteranse os tres itinerarios.

A iniciativa foi presentada esta tarde polo alcalde, Alfredo Llano, polo o concelleiro de turismo, Ramiro Fernández Rey, pola concelleira de medio ambiente, Noelia María Ben, e por Fran Canosa, que exercerá como guía para os participantes.

DATAS E INSCRICIÓNS

O día 17 de abril comezará o programa coa Xeoruta do Cantiño, que permite ver o porto e as singularidades da paisaxe. Desenvolverase en horario de 16.30 a 19.30 horas.

Cartel da programación. AXM

O xoves santo, 18 de abril, será a quenda da Xeoruta do Perdouro, que tamén se poderá desfrutar o sábado 20, cun traxecto máis alongado. Será, en ambos casos, en horario matinal, de 10.30 a 13.30 horas.

Tamén neste horario, mais o domingo 21 de abril, percorrerase a Xeoruta da Marosa. A saída efectuarase dende a oficina de turismo, no porto de Burela.

Os interesados poden anotarse no consistorio, na oficina de medio ambiente ou nos números de teléfono 982.58.60.00 e 982.58.08.67.

APRENDIZAXE E DESFRUTE

Llano salientou que “unha das posibilidades atractivas para visitar Burela, dunha maneira extraordinaria, é realizar unha das Xeorutas que temos e que están tendo moi bo resultado porque permiten ver Burela dunha das formas máis bonitas. É unha forma de aprendizaxe e de desfrute”, concluíu o rexedor. 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here