En Marea Mondoñedo denuncia que o eólico de Sasdónigas “secou” a Charca da Cabrita

A formación, que denunciou ante a Fiscalía danos sobre o patrimonio, sinala a empresa Norvento e mais ás administracións que autorizaron os traballos na zona

Charca da cabrita, coa maquinaria que traballa no eólico ao fondo. EN MAREA MONDOÑEDO

En Marea atribúe ás obras do parque eólico de Sasdónigas, en Mondoñedo, o estado da lagoa coñecida como Charca da Cabrita.  

A formación denuncia que o acuífero “secou” polos traballos que a empresa Norvento está a realizar na zona e que tamén levantaron as críticas da veciñanza polas “irregularidades” na tramitación das expropiacións dos terreos e polos “danos” ambientais e patrimoniais.

“Os intereses privados prevaleceron sobre o ben común e a depredazón ganhou a conservación medioambiental”, lamentou a formación política a través das redes sociais.

“Quén aprobou esta desfeita e quenes ficaron calados deberan dar a cara, pero non acreditamos en que o fagan. Nos xa o denunciamos na Fiscalía e ímos levar o tema ao Parlamento de Galicia“, conclúen.

DENUNCIA NA FISCALÍA

A comezos de marzo, a formación presentou unha demanda por danos ao patrimonio ante o Ministerio Fiscal. O escrito argumentaba que os traballos están a afectar ao tramo do Camiño Norte de Santiago que atravesa a zona.

Este martes, ampliaron a denuncia resaltando tamén os “incumprimentos” en relación coa Declaración de Impacto Ambiental por parte da empresa. O documento sinala a desprotección “das augas e dos leitos fluviais”.

Desde o inicio das obras, en outubro, a formación trasladou a problemática ao Parlamento galego e ao Congreso dos Deputados.

No plano xudicial, presentaron un recurso de alzada contra a autorización do parque, que consideran “irregular”. Argumentan que o proxecto se tramitou en fases separadas para eludir controis administrativos e cargas tributarias. O recurso está pendente de resolución.

LUGAR DE REPOUSO E ALIMENTO PARA OS ANIMAIS

A lagoa, nomeada pola súa forma, é unha das reservas de auga que salpican os montes do arredores de Mondoñedo. Situado no límite entre Cesuras e parroquia de Sasdónigas, o acuífero chegou a alcanzar os trinta metros de diámetro e máis dun de profundidade.

Ademais de ser lugar de repouso e alimento para aves de paso, a reserva daba de beber ao gando que tradicionalmente pacía na zona.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here