Os cascos históricos de Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo xa dispoñen de audioguías en castelán, inglés e francés, grazas a unha iniciativa da Mancomunidade de Municipios da Mariña, que contou co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo.
As novas versións das audioguías foron presentadas este venres na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, en Mondoñedo, no transcurso dun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, a alcaldesa mindoniense, Elena Candia, o responsable da área de turismo da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal, e do presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano.
O evento tamén contou coa presenza da xerente do colectivo de municipios, Tania Hermida; da edil de turismo de Ribadeo, Ana Martínez, e do segundo tenente de alcalde de Viveiro, Suso Fernández, entre outras autoridades.
ATA O DE AGORA, AS AUDIOGUÍAS SÓ EXISTÍAN EN GALEGO, POLO QUE A PARTIR DESTE VENRES CHEGARÁN A MÁIS VISITANTES
DESCARGA DE BALDE
As audioguías ofrecen un paso polos principais puntos de interese da cada un dos tres concellos, que son a porta de acceso ao xeodestino da bisbarra. Poderán ser descargadas de balde na web da mancomunidade e servirán para “mellorar a experiencia do turista máis esixente, que se interesa polo patrimonio e pola cultura”.
Os asistentes ás oficinas de turismo destes concellos van poder acceder a través dun código a unha sección da páxina web para descargar as audioguías, de xeito que, cos seus propios dispositivos móbiles, poidan informarse e dar o paseo de forma libre e autónoma.
O Concello de Mondoñedo anunciou que prestará aparatos mp3 para que os visitantes poidan utilizalas “xa mesmo” durante as vacacións da Semana Santa.
Este recurso xa existía, aínda que polo de agora só en galego, de xeito que a partir deste venres chegarán a máis xente, dado que a maioría das persoas que visitan A Mariña Lucense dominan algunha das linguas nas que se ofrece.
ESTES RECURSOS TURÍSTICOS BUSCAN A IMPLICACIÓN EMOCIONAL DO OÍNTE E ESTIMULAR A CURIOSIDADE
PREMIO NACIONAL DE TEATRO
As audioguías teatralizadas foron elaboradas polo grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014. Teñen un enfoque, un tratamento e un formato diferenciado que buscan a implicación emocional da parte da persoa que escoita, estimular a curiosidade e promover que se fagan os tres paseos.
E tamén algún máis, porque a intención é espallar este recurso a outros concellos da Mariña Lucense, ademais das tres que abriron a iniciativa, as que contan coas tres vilas con cascos históricos máis sobranceiros.