O Concello de Viveiro puxo en marcha un servizo gratuíto para o control da poboación urbá da gaivota, de cara á campaña de anidaxe deste ano 2019. A empresa Larus Control será a concesionaria do plan.
O goberno local sinala que o principal obxectivo do servizo é a redución e desprazamento da poboación de gaivotas que “colonizou o medio urbán, facendo uso do mesmo para alimentarse dos desfeitos xenerados e colonizando os tellados para ubicar as súas zonas de cría”.
Con este plan, o Concello persegue “a mellora da calidade de vida na cidade, realizando unha correcta xestión da poboación destas aves para previr e evitar o crecemento desmesurado da mesma, provocando posibles pragas e problemas de salubridade pública, ao tempo que se asegura o benestar desta especie”.
DEMANDA VECIÑAL
A presenza das aves foi obxecto de crítica por parte dos residentes no núcleo, especialmente na zona vella, onde a Asociación de Veciños do Casco Antigo pedira un programa de control da súa poboación. A veciñanza queixábase de problemas de ruídos, malos olores, desperfectos nos tellados e mesmo “ataques ao ser humano”.
O plan impulsado polo Concello, non obstante, non se limitará ao casco vello senón que se desenvolverá nos núcleos urbáns do municipio.
PLAN DE ACTUACIÓN
O plan de actuación consistirá nun estudio poboacional inicial das gaviotas que usan o medio urbán durante a época reprodutiva e da súa distribución no casco. A investigación iniciarase “este mes” e complementarase “durante a campaña de retirada de niños”, o que proporcionará ao goberno local “unha referencia exacta do problema xerado”.
A retirada dos niños comezará no “mes de maio”, finalizando o control dos tellados con problemas en agosto. Segundo expón o goberno local, realizaranse “dúas visitas a cada cuberta afectada, para impedir o nacemento das postas”.
Segundo indica a alcaldesa, a socialista María Loureiro, dous técnicos visitarán a propiedade afectada para realizar unha revisión do tellado afectado e retirar os niños atopados e o seu contido -ovos, polos-. Posteriormente realizarase o mesmo proceso cun mes de diferenza entre visitas. O orzamento do plan ascenderá a 13.000 euros, co IVE incluído.
O CONCELLO PIDE COLABORACIÓN
O goberno viveirense pide a “colaboración” da veciñanza afectada ou daquela que detecte algún problema, xa que desta implicación “dependerán en gran medida uns óptimos resultados e a mellora da calidade de vida na cidade”, expón a rexedora.
Os cidadáns poderán facer as súas achegas ao plan no departamento municipal de medio ambiente (982.56.29.68) e no teléfono de contacto da empresa adxudicataria (689.83.83.59).