InicioM.ambiente e PatrimonioExcavación para a historia en Ribadeo

Excavación para a historia en Ribadeo

O luns comeza a primeira cata científica dun buque de guerra español do século XVI

Publicada o

- Advertisement -

Miguel San Claudio ten décadas de experiencia na arqueoloxía submarina, pero o traballo que comeza a próxima semana non é unha tarefa calquera. O vindeiro luns empezará a excavación do galeón afundido na ría de Ribadeo ou, segundo o especialista, a primeira cata científica dun buque español de guerra do século XVI.

O arqueólogo explica que nunca se investigou un buque destas características, pois algunhas embarcacións da súa tipoloxía permanecen sen analizar ou foron esquilmadas por cazatesouros. A cata permitirá realizar un estudo xeral do interior do barco, ver como se conserva a súa estrutura e recuperar pezas.

INVESTIGADORES DE VARIOS PAÍSES

A nómina de especialistas que acudirá á cata do buque, financiada pola Xunta de Galicia e na que participarán o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e o proxecto europeo ForSeaDiscovery, fala por si soa da importancia do material. “Virán algúns dos especialistas de máis prestixio, procedentes da University Trinity Saint David, de Gales, de TexasSouthampton ou da Sorbona parisina”, indica San Claudio.

OS CIENTÍFICOS CONSIDERAN PROBADO QUE SE TRATA DO SANTIAGO, BUQUE DA FLOTA DE FELIPE II QUE EMBARRANCOU NO 1597

Cal é tesouro que atrae á elite da arqueoloxía submarina mundial? Con case total probabilidade o Santiago, un buque de Estado fabricado en Nápoles que pertenceu á flota de Felipe II e que embarrancou en Ribadeo en novembro do 1597, logo de que navíos ingleses e holandeses lle inflixiran graves danos. “Fixemos un estudo das fontes documentais e as características da embarcación que hai na afundida na ría coinciden coas do Santiago. Sabemos, por exemplo, cal foi a madeira empregada -ten unha estrutura de carballo con elementos de piñeiro– e de onde procede”, explica o científico.

O MELLOR CONSERVADO DO MUNDO

O estado do galeón é outro dos seus atractivos, pois está considerado o mellor conservado do mundo. O buque atópase a uns poucos metros de profundidade e foi atopado en novembro do 2011, por mor dun dos dragados periódicos que se fan para retirar os sedimentos que deixa o río Eo. Desde entón, os arqueólogos realizaron varias revisións do seu estado, a última delas hai dúas semanas. “O paso do tempo está aí e desde que o atopamos sufriu algúns danos”, expón San Claudio.

A EMBARCACIÓN FOI ATOPADA POR MOR DUN DRAGADO DA RÍA, EN NOVEMBRO DO 2011

A asociación Galeón de Ribadeo, el Mejor Conservado del Mundo creouse ante a ausencia dunha política de protección patrimonial e solicitou en 2017 para o buque a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC). Por agora, segundo precisa Ainhoa López, a agrupación non recibiu resposta, o que significa que a proposta foi rexeitada. 

FALTA DE CULTURA ARQUEOLÓXICA

O resultado da cata, que rematará o día 22, pode servir de exemplo do que está a esquecer un Estado sen cultura de arqueoloxía subacuática. “España é unha potencia neste tipo de patrimonio. Temos moitos barcos valiosísimos destruídos pola acción do mar e aínda non fomos capaces de facer unha excavación integral dun buque destas características”, lamenta San Claudio, que apunta que “entre Lisboa e Burdeos non hai un só centro especializado nestas investigacións”.

Veremos se somos capaces de valorar o que temos. A nosa sociedade vive de espaldas ao mar e só pensamos en como esquilmalo”, asegura o científico. A partir do luns haberá unha oportunidade para coñecer o alcance do achádego e poñer en valor un ben patrimonial que pode agochar nas profundidades un potencial turístico -a coca de Bremen foi extraída e convertida en museo- e arqueolóxico.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...