InicioM.ambiente e PatrimonioMiranda alerta da perda de fondos europeos se non se substitúe o...

Miranda alerta da perda de fondos europeos se non se substitúe o emisario da ría de Viveiro

A eurodeputada do BNG considera "lamentable" que non se executase a obra malia existir un financiamento cuxo prazo remataría en decembro do ano que vén

Publicada o

- Advertisement -

A eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Miranda, criticou que a substitución do emisario que atravesa o porto de Celeiro, como parte da mellora do saneamento da ría de Viveiro, non estea aínda executada maila existir fondos europeos.

“É lamentable que pese a existir fondos non se execute este proxecto“, manifestou Miranda durante a súa visita á localidade mariñá xunto a candidata á alcaldía, Miriam Bermúdez, e o número 2 da candidatura dos nacionalistas en Viveiro, Seve Salgueiro.

En resposta a unha pregunta presentada polo BNG, a Comisión Europea recoñece que o proxecto para acometer o saneamento de Celeiro e a mellora da condución de vertido da EDAR está xa elaborado, mentres que a ampliación da depuradora de Viveiro atópase en proceso de elaboración, pero que a “licitación dos proxectos aínda non comezou”.

“Executar estes proxectos é fundamental para cumprir os obxectivos da Directiva Marco da Auga sobre o tratamento de augas residuais urbanas, e a Lei de Augas de Galicia“, salienta a eurodeputada do BNG.

O PRAZO REMATA EN 2020

Por outro lado, Ana Miranda explica que o Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galiza 2014-2020, que cofinancia esta operación, establece que o inicio e o final das obras é “entre decembro de 2016 e decembro de 2020”. Segundo a eurodeputada nacionalista, “estamos perdendo moito tempo na mellora da calidade das augas que permita a súa vez mellorar a clasificación nas zonas de marisqueo nesta ría de Viveiro”.

“PREOCUPACIÓN”

Desde o BNG local, Bermúdez e Salgueiro expresan a súa “preocupación polo perigo de perder os 2,4 millóns de euros destinados ao saneamento de Viveiro”.

Os integrantes da candidatura nacionalista lembran que en setembro de 2016 formalizouse un convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Viveiro co obxectivo de establecer as condicións básicas para acometer as obras de mellora do saneamento e da EDAR, a súa posta en servizo, a súa explotación e a súa conservación e mantemento.

“Tras a adenda do acordo asinada en xullo de 2018, Augas de Galicia iniciou os procedementos necesarios ante Portos de Galicia e a Dirección Xeral de Sostenibilidade de Costa e Mar debido á dificultades para obter as autorizacións necesarias, pero en Viveiro seguimos esperando que se melloren as deficiencias de saneamento”, explica Bermúdez.

A finais do pasado mes de outubro, Augas de Galicia comprometeuse a retirar a parte non soterrada do emisario de Viveiro para construír un novo, requisito demandado por Costas para conceder o permiso das obras de saneamento. Daquela, o organismo autonómico asegurou que prevía licitar este proxecto nun prazo de seis meses

SEIS ZONAS DE VERTIDOS

Salgueiro, quen participou en Bruxelas na Conferencia sobre a Auga organizada por Miranda, salienta que na ría se atopan até seis zonas de vertidos que afectan o marisqueo, o que provoca que o tramo urbano da ría estea clasificado como ‘zona C‘ e un “gran prexuizo medioambiental e económico“.

Asemade, sinala que a estación depuradora presenta unha serie de problemas desde a súa inauguración “que nunca foron corrixidos. Non vale de nada que se invistan millóns de euros en facer depuradoras novas se a rede de saneamento non separa as augas“, denuncia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...