Mondoñedo solicitará un plan de emprego para rehabilitar a Escola de Pedrido

O goberno local pretende concorrer ás axudas da Xunta "conxuntamente con outros concellos" para evitar o "deterioro" do inmoble, rematado no 1925 e inactivo despois de 1976

Escola de Pedrido. CONSELLO DA CULTURA GALEGA

O Concello de Mondoñedo avanzou que iniciou os trámites para solicitar un obradoiro de emprego que leve a cabo a rehabilitación da Escola de Pedrido.

O goberno local precisa que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves a convocatoria das bases reguladoras de axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego de Galicia para o 2019.

A alcaldadesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, asegura que “a idea é concorrer a estas axudas conxuntamente con outros concellos próximos de cara a presentar un proxecto que permita actuar na coñecida como Escola de Reguengo, emprazada en Pedrido, para evitar así que prosiga o seu deterioro”.

Estado actual da escola. AXM

CONSTRUÍDA POLA VECIÑANZA E EMIGRANTES

A escola foi construída entre os anos 1923 e 1925 coas achega dos 95 veciños de Cornide, Vilaverde, Pedrido, San Pedro da Torre, San Paio, O Reguengo e Vigo, ademais da colaboración dos paisanos de La Habana. O colexio funcionou ininterrumpidamente ata o ano 1976, cando o Ministerio decidiu concentrar ao alumnado no Colexio Nacional Mixto Comarcal.

O goberno local afirma que “coa supresión da actividade escolar comezou unha etapa de deterioro progresivo”, polo que espera “adecentar un edificio singular como paso previo para a súa futura reutilización”.

CARACTERÍSTICAS

Segundo a ficha do inmoble no Consello da Cultura Galega, o edificio, de dúas plantas e forma rectangular, está construído en cachotaría irregular e pechado con cuberta de lousa de catro augas. Na fachada principal destacan como elementos decorativos os arcos adintelados dos vans. Orixinariamente debeu ter un balcón no primeiro andar, xusto no centro da fachada.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here