InicioM.ambiente e PatrimonioArqueólogos tentan chegar á quilla do galeón de Ribadeo, que require medidas...

Arqueólogos tentan chegar á quilla do galeón de Ribadeo, que require medidas “urxentes” de conservación

A segunda fase de excavación aspira a perfilar a estrutura do pecio, que "cada ano está peor" e que precisa dun estudo sobre a súa protección, porque o proceso "pode levar meses"

Publicada o

- Advertisement -

A segunda fase da excavación do galeón de Ribadeo comezou o pasado luns. Nesta nova campaña, os arqueólogos aspiran a definir a estrutura do barco que, malia que está considerado como o navío de guerra español do século XVI mellor preservado, precisa de medidas “urxentes” de conservación, dado que “cada ano está peor”.

Así o asegura o xefe do equipo de investigación, o arqueólogo Miguel San Claudio. O Santiago de Galicia, integrante da Armada Invencible de Felipe II e afundido na ría de Ribadeo no 1597, e que se atopa baixo pouca auga, atópase “parcialmente descuberto” e a mercé “tanto dos procesos erosivos das correntes mariñas como dos propios organismos biolóxicos que viven no buque e erosionan e comen a madeira”.

A colocación dunha malla para protexer o xacemento axudará a paliar o seu deterioro, pero trátase dunha medida parcial e provisional que non garante a conservación do buque. “A medio prazo haberá que buscar unha solución“, indica San Claudio, “e debe ser rápido porque as disposicións que se fagan deben ser estudadas, aprobadas e tramitadas, e o proceso pode levar meses“, explica o arqueólogo.

O equipo, co alcalde de Ribadeo en funcións, Fernando Suárez Barcia. FACEBOOK/AMIGOS GALEÓN DE RIBADEO

PRIMEIRA FASE

A primeira parte da investigación, centrada no lastre, permitiu recoller elementos da cultura material do xacemento e identificar a orixe do barco no sur de Italia. Ademais, documentouse a presenza de carballo peninsular na súa construción, o que leva a pensar aos arqueólogos en rutas comerciais para o subministro de madeiras que, á altura do século XVI, terían suposto unha protoglobalización.

O SISTEMA DE CONSTRUCIÓN, CHAVE

Nesta segunda campaña, segundo precisa San Claudio, a intención é “definir a estrutura do barco, chegar á quilla“. Os arqueólogos tentarán alcanzar o centro para afondar no sistema de construción naval do buque, considerado o máis interesante desde un punto de vista histórico, xa que o Santiago de Galicia foi construído coa tecnoloxía punta da súa época.

Coñecer este sistema permitiría comprender as razóns polas que Europa dominou os océanos durante a Idade Moderna, e con eles os enfrontamentos militares. Un período histórico, sinala o investigador, “descoñecido, pouco estudado”.

“A construción naval e os seus avances técnicos permitiron aos países europeos ser dominantes”, indica o xefe da investigación, que remarca que “nunca se investigou cientificamente un barco de guerra español do século XVI conservado deste xeito”.

Integrantes do equipo, antes dun mergullo. FACEBOOK/AMIGOS GALEÓN DE RIBADEO

INVESTIGADORES DE EE UU E GRAN BRETAÑA

“Existe un pecio en Canadá, a Nao San Juan, que é un baleeiro da mesma época. Pero isto é distinto, trátase dun barco de elite militar. Iso é o que o fai atractivo para especialistas doutras partes do mundo“, salienta San Claudio.

Na cata, patrocinada pola Xunta de Galicia, participarán investigadores da Universidade de Texas, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), da Trinity Saint David de Gales e de Southampton. Tamén participan na excavación buzos da Armada Española, en concreto da Unidade de Buceo de Ferrol (Ubufer).

TRES SEMANAS DE CAMPAÑA

Ademais, os arqueólogos avanzarán na consecución dunha fotogrametría do barco que o “eternice” tal cal era cando se afundiu, o que permitiría a investigadores de todo o mundo estudar o xacemento sen necesidade de mergullarse. A campaña durará, segundo o previsto, tres semanas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...