O Concello de Burela abriu o prazo para anotarse nas xeorutas, que organizará do 26 de xuño ao 16 de setembro. Os interesados en inscribirse poden facelo no teléfono 982.58.60.00, no blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.es ou na web www.turismoburela.org. Cada ruta terá un máximo de 20 prazas.
Ademais dos dous roteiros ofertados o ano pasado, A Marosa e O Perdouro, o goberno local incorpora este ano unha nova ruta, a do Cantiño. “Nela temos formacións rochosas que son moi interesantes e dignas de ver”, asegurou na presentación do programa Noelia Ben, a edil de medio ambiente. Tamén acudiron ao acto Ramiro Fernández, concelleiro de turismo, e o alcalde, o socialista Alfredo Llano.
DE BALDE E ASEQUIBLES
Todas as rutas son de balde e teñen unha lonxitude a cubrir de entre 3,2 e 7,8 quilómetros, cunha dificultade baixa. Os participantes poderán coñecer a orixe das acanaladuras ou tafonis, descubrir estruturas xeolóxicas de máis de 300 millóns de antigüidade ou o proceso de formación de cavernas e arcos rochosos.
TERCEIRO ANO
É o terceiro ano que o Concello ofrece os roteiros. “Está funcionando moi ben desde que a puxemos en marcha”, explicou Fernández, que resaltou que “queremos que sexan unhas rutas nas que prime a calidade da visita e non a cantidade, de aí que haxa 20 prazas de límite por cada unha”.