O Concello do Valadouro emitiu este mércores un bando no que insta á veciñanza do municipio a denunciar os ataques do lobo ao gando. “É sumamente importante que se denuncien dos danos; cantas máis denuncias se realicen máis medidas se poderán tomar”, sinalan desde o goberno local.
O executivo municipal anima a reclamar a través do 012 ante as reiteradas queixas dos titulares das explotacións gandeiras polos danos ocasionados e ante a petición, denegada pola Xunta a través de silencio administrativo, da Sociedade Deportiva de Caza O Valadouro de realizar unha batida e unha montería, dado que tanto gandeiros como cazadores entenden que o número de lobos está a aumentar sen control.
“É a pescada que se morde a cola”, explica o alcalde do Valadouro, o socialista Edmundo Maseda. “Os gandeiros están desanimados. Non denuncian a morte das reses pola cantidade de voltas e de papeis que hai que cubrir, con trámites que duran meses, para que alguén dubide de que o ataque foi dun lobo, para cobrar cantidades que non compensan os prexuízos. Se a xente non demanda, non hai datos de danos producidos. Así que é coma se non houbese problema“, resume.
Maseda sostén que os ataques van en aumento e que hai ganderías no municipio “que teñen 500 cabezas de gando cabalar e sacan 15 ou 20 poltros ao ano. Como se vai renovar a cabana gandeira?”, pregunta o rexedor, que alerta da despoboación definitiva do rural se non se atopa unha solución para a convivencia entre o lobo e o ser humano.
DESPOBOAMENTO
“Esta xente sofre os danos pero ninguén se acorda deles”, lamenta, para advertir das consecuencias de que os montes queden desatendidos e sen cabalos, “porque serán pastos do lume. Falamos de tomar medidas para fixar poboación do rural ou para atraela, pero parece que os que sobramos somos nós”.
SOLICITADA UNHA BATIDA PARA AGOSTO
O técor valadourense tramitou outra solicitude para o mes de agosto. José Manuel Lamelas, tesoureiro da sociedade, expón que solicitaron unha batida -para 30 cazadores- e unha montería -a partir de 30 integrantes- para “axudar á gandería, porque penso que tamén estamos para iso e somos quen podemos facelo”.
Explica que o colectivo documentou a través de queixas veciñais e imaxes abundantes danos propiciados polo lobo, pero que moitos gandeiros “non denuncian porque pensan que non lles vai solucionar nada, cando é a maneira de que se vexa que hai un problema”. Así, sinala, mentres que teñen novas constantes dos ataques, só reuniron “algo máis de trinta sinaturas” para apoiar unha medida que “é legal e regrada”.