Unha cría de balea alibranca ou rorcual alibranco apareceu ao mediodía deste xoves na praia do Torno, en San Cibrao, o que provocou expectación entre os turistas e veciños que se atopaban tanto no areal como nas súas inmediacións.
Segundo expón o socorrista Antonio López, o animal, de alomenos cinco metros de lonxitude, desorientouse e achegouse a poucos metros da beira, polo que estivo a piques de varar na praia, aínda que finalmente non requeriu de axuda para volver de novo mar adentro.
SÍNTOMAS DE DESNUTRICIÓN
Esta especie de cetáceos pode alcanzar na madurez os nove metros de lonxitude e as dez toneladas. O vixilante expón que o exemplar que se achegou ao areal sancibrense tiña evidentes síntomas de desnutrición.