O Concello de Mondoñedo subvencionará o adecentamento de fachadas para vivendas dentro do ámbito da Área de Rehabilitación do Casco Histórico e os barrios de San Lázaro e Os Muíños.
Así o anunciou a alcaldesa, a popular Elena Candia, quen explica que estas axudas, que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva, con fondos do Galicia Parabéns, dispoñen dun orzamento total de 30.265 euros.
A administración local achegará o 40% do custo das actuacións subvencionables para pintura de inmobles e con materiais tradicionais.
Segundo esta premisa, e malia que a contía máxima que percibirán os beneficiarios, en calquera dos casos, será de 5.000 euros, poden recibir o 80% do custe da actuación ao seren subvencións compatibles, segundo remarca Candia, coas axudas de rehabilitación.
PRAZO ATA O 15 DE OUTUBRO
As bases, que amparan a súa concesión, publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello.
Polo que respecta á presentación de solicitudes, estas deberán dirixirse á oficina de rehabilitación e presentaranse no rexistro xeral da entidade local.
O prazo para formalizalas comeza o día seguinte ao da publicación no BOP e manterase aberto ata o 15 de outubro de 2019.
“EMBELECER” A CIDADE
A rexedora local convida aos residentes nestas zonas a “animarse a pedilas”, pois esta iniciativa, que impulsa o Concello, constitúe “unha boa oportunidade para embelecer a nosa cidade”.