Un centenar de persoas manifestáronse este sábado en Mondoñedo para apoiar as reivindicacións dos veciños afectados polas louseiras da empresa Piveri S. L. en Santa María Maior e Lindín, as dúas beiras do río Baos. A plataforma veciñal reclamou actuacións urxentes para poñer freo aos incumprimentos da compañía en materia de seguridade e saúde ambiental, que denunciaron de forma reiterada ante as consellerías de Medio Ambiente e Industria e ante o Concello.
A mobilización tivo o apoio do Sindicato Labrego Galego (SLG) e do BNG, PSdeG e En Marea, e transcendeu ao ámbito municipal ao contar tamén coa presenza de Luís Villares e Miguel Anxo Fernán Vello, voceiro e deputado no Congreso dos Deputados de En Marea; a nacionalista Olalla Rodil, deputada no Parlamento Galego; e o socialista Luís Álvarez, o deputado autónomico. Tamén asistiu á protesta Rocío García, alcaldesa de Lourenzá.
ESTRAGOS DAS CANTEIRAS
“Os veciños queremos traballar nas nosas terras, e queremos vivir nas nosas casas”, líase na pancarta que reuniu aos manifestantes diante da Praza do Concello, onde os asistentes reiteraron a súa indignación e preocupación polos estragos causados polas canteiras, tanto en camiños e pistas públicas como nas fincas que alimentan as súas gandeirías, e tamén polas consecuencias dos verquidos ao río Baos, a escasa distancia do encoro que abastece Lourenzá.
“As administracións son culpables disto, todos son culpables”, denunciaba o comunicado lido por unha veciña, que tamén expresou a súa “solidariedade e apoio aos traballadores da canteira” que levan meses de atrasos nos pagos. Os veciños denuncian que as institucións eluden o problema amparándose na burocracia. Podes ler o manifesto aquí. Manifesto ApL (1)
os veciños cren que as institucións eluden o problema amparándose na burocracia
Durante a concentración interviu tamén o secretario xeral do SLG na comarca, Iván Lombardero, que manifestou a oposición do sindicato a “este tipo de desenvolvemento mineiro depredador que non garante que, unha vez rematada esa actividade, as terras volvan a ter o uso que tiñan anteriormente”.
“INACCIÓN” DO GOBERNO LOCAL
Os grupos municipais incidiron na inacción do goberno local ante os incumprimentos da empresa que, dacordo co expresado pola Dirección Xeral de Minas, ten unha “orde de paralización da actividade na fronte de explotación por riscos de desprendementos”, pero que, segundo denuncian os veciños, continúa cos seus traballos.
“Sempre tivemos tiros e afrouxas coa empresa pero iamos convivindo ata hai dous anos cando non nos deixaron máis opción que plantarnos, e organizarnos para poñer fin a esta situación. Só pedimos que cumpran as leis”, explicaba Juan Manuel Ron, voceiro da asociación veciñal ao remate da mobilización.