O Concello de Viveiro certificou este mércores a través dun bando que a praia de Celeiro é apta para o baño, despois de que as dúas últimas analíticas realizadas pola Consellería de Sanidade ofrecesen resultados que entran dentro dos parámetros normais no relativo á calidade das augas.
O executivo municipal asegura que a situación do areal “normalizouse” nos últimos días despois de semanas nas que as probas elaboradas polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) deron resultados diferentes, o que motivou que o propio goberno local encargase a un laboratorio as súas propias catas. Estas diferenzas motivaron que o Concello recomendase non bañarse na praia urbá celeirense, recomendación que queda finalmente retirada.
A decisión de recomendar non facer uso da praia resultou polémica entre parte da veciñanza, que pediu que se prohibise o baño de haber risco e que mostrou o seu fastío nunha concentración ante o atraso do saneamento da ría de Viveiro, cun emisario submariño roto que verte augas fecais ao estuario, preto do porto de Celeiro.
MÁIS CONTROIS
O goberno local expón que, con todo, continuará o seguemento a evolución da calidade da auga no areal. Anuncia que colgará os resultados das probas que encargou no taboleiro da praia de Celeiro e que as analíticas de Sanidade -que realizará un novo test a vindeira fin de semana– poden consultarse na web do Sergas.
No caso de verse alterada “esta situación de normalidade”, sinala o Concello, “será comunicado inmediatamente á cidadanía”.