InicioM.ambiente e PatrimonioUnha cata arqueolóxica atopa unha terceira mámoa ao pé do campo de...

Unha cata arqueolóxica atopa unha terceira mámoa ao pé do campo de fútbol do Valadouro

A prospección, para delimitar o espazo protexido dentro da zona verde do futuro polígono, documenta unha secuencia de enterramentos que arrinca no Neolítico e segue no Calcolítico

Publicada o

- Advertisement -

Unha prospección para delimitar a zona arqueolóxica protexida dentro da zona verde do futuro polígono do Valadouro, preto do campo de fútbol, serviu para documentar unha terceira mámoa -catalogáranse outras dúas con anterioridade– e para certificar, á espera de estudos máis exhaustivos, que o xacemento foi un lugar de enterramento durante miles de anos.

O alcalde do Valadouro, o socialista Edmundo Maseda, precisa que da man do proxecto do parque industrial fíxose un estudo arqueolóxico que a cata viría a continuar. “Faltaba unha prospección para determinar o valor das sospeitas dos arqueólogos, que identificaban dous grandes vultos como mámoas”, expón o rexedor.

O obxectivo da sondaxe, realizada ao longo dos últimos 20 días, foi saber “que hai que protexer” e “delimitar o xacemento arqueolóxico” para unha futura escavación e tamén para poñelo en valor. “Queremos preparar esa zona, sinalizala cuns paneis informativos, xa que o que parece que hai é digno de conservar e de coñecer”, indica.

O equipo de arqueólogos que comanda Iván Álvarez Merayo traballou a partir da hipótese de que na zona había dous túmulos ou mámoas, tumbas do Neolítico. Realizaron unha cata do 25% da superficie das dúas estruturas.

Na primeira delas atoparon unha coraza ou cuncha de pedras practicamente intacta. “Encontramos un buraco no chan, non unha cámara ou dolme, pero preparado, que non era o orixinal. Os antergos quitaron terra vexetal e botaron outra. Aí enterrarían ao morto e despois taparían todo iso”, explica Álvarez Merayo, que resalta que a cuncha dálle ao xacemento “unha monumentabilidade“.

Os especialistas atoparon a maiores “unha tumba secundaria. Moitos anos despois de que se enterrase xente alí sabíase que seguía sendo un lugar sagrado e así se utilizaba, facían as súas ofrendas ou soterraban os seus mortos”, expón o arqueólogo. Se as evidencias máis antigas do xacemento fan pensar no Neolítico, os restos de cerámica campaniforme atopados nunha pequena foxa remiten a unha reutilización posterior do mesmo, durante o Calcolítico -arredor de 4.200 anos atrás-.

Na segunda mámoa, segundo explica Álvarez Merayo, “a estrutura é practicamente igual, a mesma coraza”, destacando que había “unha capa de arxila gris“. Tamén se documentou cerámica da Idade do Bronce.

O penúltimo día de prospección serviu para constatar o que os arqueólogos sospeitaban e engadir un novo ben patrimonial ao extenso catálogo galego. “Vimos un vultiño moi pequeno e criamos que se trataba dun túmulo. Deixámolo para o final pois non entraba no proxecto de entrada e finalmente foi. Hai un anel que delimita o que chamariamos o perímetro sacro e unha tumulación con pedra igual ca anterior”, indica o perito, que precisa que se catalogará o novo achado.

Segundo explica o propio Maseda, os arqueólogos tamén consideraron dignas de estudo un par de rochas de forma ovalada que semellan representar caras.

A ESCAVACIÓN REQUERIRÍA DE MÁIS DE 100.000 EUROS

A prospección, que finalizará este xoves, documentou a consideración do lugar como sacro durante un período longo de tempo, ofrece apenas un aperitivo do que podería atoparse cunha escavación máis ambiciosa. Non completa, porque, precisa Álvarez Merayo, “cando escavas un túmulo por completo desaparece. Se hai dolme iso queda, pero se non o hai, destrúes todo”.

O proxecto requerirá de financiamento, dado que afondar en cada mámoa podería roldar os 40.000 euros, para un orzamento global superior aos 100.000. “O Concello non pode asumir ese gasto, pero buscaremos fondos tanto na Xunta de Galicia como no Goberno do Estado para facer unha escavación como é debido que complete a secuencia do estudo arqueolóxico e a prospección”, sinala Maseda. Ao fin e ao cabo, “é parte da historia do Valadouro, e demostra que hai moitos anos tamén viviu aquí xente”, conclúe.

Segundo expuxo o colectivo Mariña Patrimonio, as do Valadouro serían das primeiras mámoas escavadas na Mariña Lucense.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...