O saneamento da ría de Viveiro enfrontou de novo este venres a Concello e Xunta de Galicia. Augas de Galicia enviou, segundo anunciou o propio ente hidráulico, un segundo requerimento ao executivo municipal para que aprobe o proxecto de ampliación da estación depuradora de Augas Residuais (Edar), mentres que o goberno local replica que o documento irá ao vindeiro pleno, o 4 de setembro, logo de que o prazo de exposición pública obrigado por lei rematara “hai dous días, o pasado 21 de agosto”.
Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, asegura que xa se solicitou “en xuño” a “documentación local precisa“, en referencia ao necesario visto bo da administración local ao proxecto.
Así, insta ao executivo local a “axilizar” os trámites da “súa competencia”. En canto se “reciba”, promete a Xunta, “licitaranse as citadas obras hidráulicas”.
O Concello non entende a insistencia do Executivo autonómico e salienta que está a cumprir os prazos “o máis rápido posible”. A alcaldesa, a socialista María Loureiro, lembra que trala fin do tempo de exposición pública do proxecto, de dous meses, “a obriga do Concello é informar“.
Deste xeito, sinala que o Executivo municipal ten que levar o proxecto de ampliación da depuradora ao pleno, sendo o vindeiro o 24 de setembro. “Non perdemos nin un só día“, remarca.
A rexedora reitera que o goberno de Viveiro entregou “todo sempre en tempo e forma, cousa da que a Xunta non pode presumir”, e acusa ao Goberno galego de “falta de rigor” e de “confundir á opinión pública”.
A SUBSTITUCIÓN DO EMISARIO, SEN DATA
No que se refire á outra parte do proxecto de saneamento da ría, a retirada do emisario submariño que verte augas fecais ao estuario e a ubicación dun novo, a Xunta sinala que “está a avanzar no seu proxecto coa realización das prospeccións arqueolóxicas submariñas da ría”, o que sería “a última actuación necesaria” para poder remitir o proxecto a Costas e proceder “á súa aprobación definitiva”. Na pasada campaña electoral, o PP comprometeu a licitación da obra “nos próximos días”.
Para a realización desta actuación, con tres millóns de orzamento, a Xunta conta con fondos europeos FEDER por importe de 2,4 millóns, sempre que se execute antes de decembro de 2020. A sociedade viveirense reclamou o pasado luns a axilización do proxecto despois de que as analíticas da auga da praia de Celeiro, hoxe normalizadas segundo o Concello, desen niveis altos de bacterias fecais EColi e entereococo.