O Concello de Ribadeo confirmou que a vertedura de xurro que chegou o pasado domingo ao Eo non afectou á traída de auga municipal.
O alcalde en funcións, Pablo Vizoso, explicou que captación “non se viu comprometida” xa que o punto de abastecemento está en Vilarbetote, máis arriba do lugar ao que chegaron os residuos procedentes dunha gandeiría de Guiar, no concello asturiano da Veiga.
“A empresa que xestiona o servizo (Iaqua) confirmounos que os parámetros das análises periódicas básicas da auga captada non se viron alterados”, aclarou o edil.
RIBADEO E TRABADA RECOMENDAN NON BAÑARSE
Con respecto a afectación dos últimos quilómetros do río, indicou que a Confederación Hidrográfica do Cantábrico tomou mostras para avaliar o alcance da contaminación. Segundo dixo, os resultados coñeceranse este martes.
A falta desas probas, o Concello aconsella “non bañarse na ría de Ribadeo” e “tomar precaucións nas actividades que se desenvolvan nese espazo”.
A recomendación afecta tamén praias dos Bloques e do Cargadeiro, nas que este luns se dispuxeron carteis informando aos bañistas da situación.
O Concello de Trabada tamén prohibiu o baño e suspendeu todo tipo de actividades de recreo no Eo.