O BNG da Pontenova denunciou ante a Confederación Hidrográfica do Cantábrico a existencia dun punto de vertedura de augas residuais urbanas sen depurar no Pozo da Ola, como se coñece o treito do Eo situado nunha das entradas da vila.
A formación nacionalista advirte que “a situación supón un grave atentando contra o río e as especies que viven nel” e fan fincapé nas condicións da auga para o baño.
Segundo explican, “o Pozo da Ola foi retirado do censo oficial das zonas de baño da Xunta de Galicia en 2011 porque incumpría sistemáticamente os parámetros mínimos de calidade de augas no tocante a microorganismos”.
“SEN INFORMES” SOBRE A CALIDADE DA AUGA
Critican que desde aquela “non se teña constancia de informes sobre a calidade da auga” e que, malia todo, “non exista ningún cartaz que advirta da situación”.
Neste senso, acusan ao Concello de actuar con “irresponsabilidade” nun asunto “que afecta á saude pública e á seguridade das persoas que se seguen a bañar alí a día de hoxe”.