A Xunta de Galicia deberá indemnizar a Promociones San Ciprián, S. L., cun total de 1,7 millóns de euros pola “redución do aproveitamento urbanístico” sufrido no ano 2007 relativo a dous solares situados na rúa do Faro de San Cibrao, nos que se planificou a construción dunhas 60 vivendas. As obras da promotora nunha terceira parcela lindante descubriron restos arqueolóxicos dun castro, o da Atalaia, documentado por primeira vez en 2004 e que segundo admitiu Patrimonio quedou danado polas actuacións.
Segundo puido saber o Xornal da Mariña, a Consellería de Cultura xa aboou, no 2018, un primeiro pago de 300.000 euros, e terá que afrontar segundo de 1,4 millóns nesta anualidade. Será, en principio, nun prazo de tres meses desde a publicación da sentenza, con cáracter firme, aínda que na práctica este tipo de liquidacións soen dilatarse no tempo en función da capacidade da Administración.
DEBE OUTRO MEDIO MILLÓN EN VIGO
O Executivo autonómico deberá tamén neste curso, xunto co Concello de Vigo, sufragar outra indemnización de alomenos medio millón de euros por mor dun pleito interposto por unha promotora viguesa. Trátase de Inversiones Playamar, prexudicada segundo o Tribunal Supremo pola suspensión durante doce anos dunhas obras de construción dun edificio de cinco plantas para 25 vivendas e garaxes na rúa Marqués de Valladares, logo de que aparecese un xacemento arqueolóxico.
O ORZAMENTO PARA 2019, EN SUSPENSO
Ante destas débedas, o orzamento reservado para escavacións arqueolóxicas de urxencia para o ano 2019 quedou conxelado.
Isto significa que ao longo deste curso non se realizarán escavacións que non entren dentro das proxectadas no exercicio e cuxos xacementos fosen descubertos a partir da realización de obras ou outras incidencias, como é o caso da sauna castrexa da Atalaia, desvelada por unhas actuacións de saneamento e que a Consellería de Cultura decidiu tapar mesmo cando o arqueólogo que dirixiu a cata admitiu que a prospección “é insuficiente” para coñecer o valor do achado.
O SUPREMO DEU A RAZÓN Á EMPRESA
A Consellería de Cultura satisfará así a multa cuantificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), en execución dunha sentenza do Tribunal Supremo, que en novembro do 2016 estimou parcialmente un recurso de casación presentado por Promociones San Ciprián.
Un ano antes, o TSXG desestimara unha reclamación de responsabilidade patrimonial presentada en outubro do 2010 pola promotora contra a Xunta, por un importe de 4,4 millóns de euros.
En xuño do 2007, trala presión de asociacións como Mariña Patrimonio e Adega, a Consellería de Cultura suspendera cautelarmente as obras e requeriu a Promociones San Ciprián a contratación de prospeccións arqueolóxicas nos dous solares nos que non comezaran as actuacións e que foron obxecto de reclamación.
CEN VIVENDAS PROXECTADAS
En pleno bum inmobiliario, Promociones San Ciprián adquirira tres parcelas na zona da Atalaia nas que planificaba edificios de 42, 32 e 26 vivendas. Os proxectos contaban coas necesarias licenzas municipais. Unha das edificacións, a primeira realizada e que supuxo a descuberta e alteración do castro, quedou -tralo estoupido da burbulla inmobiliaria e ante a falta de compradores- en esquelete, que deberá ser derruído despois de que o Concello de Cervo retirase os permisos concedidos e ordenase a demolición aos propietarios.
A promotora pediu que, no tocante aos outros dous solares, se compensase “o valor do terreo“, a “redución do aproveitamento urbanístico”, “o lucro cesante” e o “custo das obras xa realizadas“. O TSXG dictaminou que a resolución de Cultura conforme á protección dos restos arqueolóxicos se axustaba á norma e que o propietario “tiña o deber xurídico de soportar as limitacións do seu dereito de propiedade”.
Ademais, sinalou que o dictame da Consellería non supuxo a paralización senón o axeitamento das obras. No caso da primeira das parcelas, despois dun mes -o máximo prazo estipulado pola lexislación- continuaron paulatinamente ao contar con licenza municipal; nos outros dous solares, Cultura esixiu á empresa que contratase catas que acabaron por certificar a existencia do ben patrimonial e invalidar os proxectos inmobiliarios.
Con todo, a Sala do Contencioso-Administrativo do Supremo recoñeceulle á empresa o dereito a cobrar unha indemnización pola redución do aproveitamento urbanístico, ademais dos gastos realizados polos proxectos de obra, licenzas e promoción inmobiliaria; non así polos posibles beneficios derivados das construcións. Cos intereses de demora, a Administración autonómica debe aboar un total de 1,7 millóns de euros.
Somos un país destinado á desaparición. A aniquilación do castro da Atalaia é un asasinato e a administración non só é cómplice senón que mesmo é culpable de patrocinar a desfeita e agochar a impresionante sauna celta do castro. Para o xacobeo de marras hai cartos a esgalla, para salvar e pór en valor este xacemento irrepetible non (para os amigiños da constructora sí… ). Esto cheira a sobres e tamén a que Galiza non ten futuro porque elimina impunemente o seu pasado. Incríbel e intolerábel.