O BNG pide explicacións sobre o soterramento da sauna castrexa da Atalaia de San Cibrao á Xunta de Galicia e mais ao goberno municipal.
O pasado 8 de agosto, a Dirección Xeral de Patrimonio ordenou deter a escavación iniciada na zona sen comprobar verdadeira extensión nin valor patrimonial do xacemento, descuberto durante unhas obras de saneamento na rúa do Faro.
As deputadas nacionalistas preguntarán ao goberno galego as razóns polas que non se desenvolveu un “estudo arqueolóxico pormenorizado” no xacemento e interesaranse tamén polas “medidas de protección” que se estableceron para continuar cos traballos.
SOLICITAN A CONVOCATORIA DA COMISIÓN DE PATRIMONIO
Pola súa banda, o BNG de Cervo rexistrou este luns unha solicitude para que o alcalde, Alfonso Villares, convoque coa máxima urxencia a comisión de urbanismo e patrimonio onde se interesará polos “controis legais” que se estableceron para non afectar o achado.
A formación dá eco as denuncias feitas a pasada semana polo colectivo Mariña Patrimonio, que sinalou que a empresa encargada das obras empregou “unha apisoadora sobre as estruturas da sauna que, sostén, “non estaban suficientemente soterradas e protexidas”.
Os edís manifestaron o seu desacordo coa decisión da Xunta de tapar o xacemento sen un estudo en profundidade. “Non resulta fácil entender que se fixera dun xeito tan apresurado, despois de ter sen actividade as obras durante máis dun mes. Completar o estudo da sauna non levaría mais que uns poucos días, segundo afirman os técnicos, e o custo económico sería perfectamente asumible”, argumentan os nacionalistas.