InicioM.ambiente e PatrimonioAsí era o desaparecido convento da Encarnación de Mondoñedo, do século XVII

Así era o desaparecido convento da Encarnación de Mondoñedo, do século XVII

Javier Gómez Darriba, profesor da Universidade de Santiago, achega un estudo que permite facer unha reconstrución daquel mosteiro concepcionista

Publicada o

- Advertisement -

A mediados do século XVII, Mondoñedo presenzou a construción dun convento concepcionista do que hoxe non quedan trazas. Coñecido como o convento da Encarnación, apenas perdurou seis décadas, “por causa da súa nefasta construción”. Así o afirma Javier Gómez Darriba, profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que achega un estudo no que aporta información clave que permite facer unha reconstrución imaxinaria daquel mosteiro concepcionista.

Mediante o estudo de documentos e referencias históricas atopados en arquivos, Gómez Darriba logrou describir a morfoloxía do desaparecido convento mindoniense da Encarnación, erguido sobre a saia dun outeiro nos arredores da cidade na década de 1650 e demolido sesenta anos. Mais “por desgraza non achamos documentación gráfica de como puidesen ser a planta e alzados orixinais”, nin “ningunha escritura relacionada co contrato das condicións da obra”, láiase o autor do estudo.

O porqué da súa demolición semella claro para o profesor da USC: “A causa de que o primitivo convento  concepcionista de Mondoñedo se volatilizase a inicios do XVIII, cando apenas levaba medio século en pé, responde sinxelamente á mala praxe do arquitecto que o deseñou, á escasa pericia dos mestres que o construíron e á desidia e cativeza dos patróns que se viron obrigados a erixilo”.

A ORIXE

Gómez Darriba sitúa a orixe do proxecto en setembro de 1622, cando María Pardo de Andrade, residente en Viveiro e viúva do ouvidor Agustín Guedeja, acordou coas dominicas desta vila trasladar o convento da Nosa Señora de Valdeflores ao interior do recinto amurallado. E de non ser factible aquela mudanza, tiña prevista como alternativa Betanzos, segundo describe Gómez Darriba: “Independentemente de cal fose o seu destino. construiríase seguindo uns planos dos mestres Diego Ibáñez Pacheco e Juan de Ris. Poñeríao baixo a advocación da Encarnación e nel ingresarían un total de 40 monxas. A doante inhumaríase na capela maior e colocaría nela o seu escudo de armas, dereito que tamén terían os seus herdeiros, quen conservaría o padroado do cenobio a condición de que lle asignasen 600 ducados anuais”.

VIVEIRO, PONTEDEUME

Un ano despois, relata o profesor, aprobouse a instalación no Viveiro intramuros e en 1627 deron comezo unhas obras que se suspenderon de inmediato despois de que o Consistorio lle gañase un preito á fundadora. Tempo despois, o 12 de maio de 1635, acordou novamente con Diego Ibáñez a construción do mosteiro de Valdeflores no interior do espazo amurallado. Pero o proxecto quedou de novo abortado. “É posible que, como no primeiro intento, se producisen diversas discrepancias coa veciñanza e o Concello que derivasen na súa pronta interrupción”, especula o autor do estudo.

Plantexouse entón a opción de construílo en Pontedeume, mais “nesta ocasión non o rexerían as dominicas, senón a Orde da Inmaculada Concepción, cuxas primeiras monxas en instalarse provirían de Viveiro por acharse alí a única casa concepcionista de Galicia”, esclarece o profesor. A idea, di, era acoller un máximo de 30 relixiosas, a doadora e a súa familia poderían enterrarse na capela maior e os legatarios conservarían o padroado baixo a asignación de 650 ducados de renda anual.

UN TESTAMENTO, CHAVE

En outubro de 1639, María Pardo de Andrade caeu gravemente enferma e morreu en Mondoñedo, onde fixo un testamento no que ratificou as cláusulas de fundación asinadas dous anos antes, pero coa condición de que o convento xa non se levantaría en Pontedeume, senón extramuros da vila mindoniense, no Campo de Nosa Señora dos Remedios. Gómez Darriba cre que nesta decisión se impuxeron criterios económicos e mesmo algún de tipo devocional.

Pero “o establecemento nos Remedios non se fixo efectivo pola tenaz oposición do Cabildo, afeito a impedir canta fundación monástica se pretendía en Mondoñedo coa escusa de que os seus beneficios se verían decimados”. Así, María Pardo pediu erixilo nunha propiedade familiar sita no barrio extramuros de Couto do Outeiro, leira na que o seu herdeiro e futuro patrón, o capitán e rexedor Pedro Fernández Baamonde, fundara tempo atrás unha ermida dedicada á Nosa Señora do Socorro, detállase no estudo.

A sección amarela indica os límites de propiedade do Pazo de San Isidro. A vermella, o espazo onde se situaría o desaparecido convento da Encarnación / GÓMEZ DARRIBA, JAVIER. “Reconstruyendo” una ruina del siglo XVII. El desaparecido convento de la Encarnación de Mondoñedo. Sémata: Ciencias Sociais e Humanidades.

CONSTRUCIÓN

En xuño de 1646, o bispo Juan Juaniz de Echalaz aprobou a construción do convento naquel lugar. “E xusto dez anos despois, achándose as obras case finalizadas, outorgouse a escritura de fundación”, relata Gómez Darriba.

Malia que non se acharon trazas do mosteiro nin as condicións en que se rematou a súa obra, Gómez Darriba si deu cunha serie de datos que “confirman que mestres o levantaron e que oficiais traballaron ao seu carón”. “Mesmo podemos supoñer quen se encargou de deseñalo. E cremos que dita competencia recaeu en Diego Ibáñez Pacheco”, aporta o profesor.

Ibáñez Pacheco “non era máis que un simple mestre de cantería” da localidade cántabra de Noja cuxas obras se caracterizaban por un “clasicismo bastamente executado, e tanto o seu currículo como o devir de moitas das súas construcións –así como as dos seus discípulos– denotan unha evidente torpeza artística e tectónica”, destaca Gómez Darriba.

A atribución a Diego Ibáñez fundaméntaa Gómez Darriba en que “María Pardo requiriu dos seus servizos ata en dúas ocasións para que a partir das súas trazas levase a cabo a translación do convento de Miraflores ata o sector intramuros de Viveiro,  a primeira vez en 1622 e a segunda en 1635”.

“Consecuentemente, non sería de estrañar que volvese contar con el cando en 1637 pretendeu establecer o cenobio en Pontedeume, ou cando en 1639 quixo erixilo en Mondoñedo”, argúe.

A PRIMEIRA REFERENCIA DA EDIFICACIÓN, NO 1649

“Ademais, previo o inicio das obras, a Igrexa mindoniense recorreu a el para que acudise ata o Couto de Outeiro e verificase in situ se aquela propiedade dos Baamonde era idónea ou non para a erección dun convento. Así o fixo o 15 de xuño de 1646 acompañado do bispo Juaniz de Echalaz e de membros do Cabildo”, prosegue o profesor da USC.

Con todo, recoñece que “non podemos acreditar documentalmente que dita planta fose deseñada polo cántabro, pero desde logo parece o máis probable”. Mais “do que si hai certeza é que unha década máis tarde tomou pola súa conta a dirección das obras coa intención de finalizalas logo de que nos primeiros anos o groso da construción recaese no seu discípulo e fillastro Antonio Rodríguez  Maseda”, conclúe.

A primeira referencia sobre a edificación do mosteiro data do 8 de agosto de 1649. A seguinte nova sobre esta construción é xa do 21 de setembro de 1655.

Da documentación “sobreenténdese que en 1655 estaba a concluírse o mosteiro, cuxa escritura de fundación se outorgou o 8 de decembro de 1656”, aporta Gómez Darriba. Os rexistros históricos sinalan a Antonio Rodríguez Maseda como autor das obras de “cantaría, cachotaría e arquitectura”.

CARACTERÍSTICAS

Aínda que do mosteiro perdido non hai trazas orixinais nin exixten documentos sobre as condicións de obra en base ás que se levantou, si existen informes periciais aos que se viu sometido entre 1707 e 1708 por arquitectos ou escultores.

Sábese que o convento se achaba fronte ao pazo dos Baamonde, hoxe coñecido como Pazo de San Isidro. A planta do cenobio, relata Gómez Darriba, era cuadrangular. E prosegue: “Radicaba fronte ao pazo, nun terreo en pendente, de tal forma que o seu lado occidental se achaba nunha cota inferior ao oposto. No flanco setentrional do conxunto situábase a igrexa, cuxa cabeceira se orientaba cara ao leste. O templo erguíase nun nivel inferior respecto ao resto do convento por  enclavarse na caída ou desfiladeiro dun monte”.

“Tiña planta de caixón e medía aproximadamente 36 metros de longo por oito de ancho. A nave cubríase cunha bóveda de canón de seis tramos cuxos arcos faixóns non alcanzaban debuxar un medio punto perfecto. A esta seguía un cruceiro cunha media laranxa ou en todo caso unha bóveda vaída, e a continuación un último tramo abovedado correspondente á capela maior”, expón Gómez Darriba.

UBICADO FRONTE AO PAZO DE SAN ISIDRO

Os muros interiores carecían de calquera elemento artellador e/ou sustentante, de tal forma que as arcuacións da bóveda descargaban sobre unhas ménsulas de cantería unidas por unha imposta. Unicamente había pilastras dentro do tramo correspondente ao cruceiro; concretamente catro, e sobre estas armábanse outros tantos arcos torais que sustentaban a media laranxa. Aos pés da igrexa achábanse os coros baixo e alto, e no muro setentrional abríase a portada, que tiña sobre si un van”, detalla o profesor da USC.

Respecto ao claustro, Gómez Darriba explica este “anexo ao muro meridional do templo”. Así, describe polo miúdo: “A súa planta era cuadrangular e medía aproximadamente 26,5 metros de longo polos seus lados norte e sur mentres que 29 nos restantes. As cuadrillas contaban cunha anchura de 2,5 metros e en cada unha abríanse sete arcos que daban ao xardín central. O teitume das coxías era de madeira e a totalidade das paredes de lousa”, explica.

FACTURA “DEFECTUOSA”

“Ao redor do patio repartíanse os dormitorios e oficinas. O flanco occidental pechábao a fachada que miraba á cidade, por iso é polo que contaba coa portería. Tamén albergaba o  refectorio e a zona de acceso ao coro baixo da igrexa. A fronte meridional dicía ás hortas das relixiosas. Os seus muros acollían un cuarto común, a cociña, a antecociña e o leñeiro”.

“Pola súa banda, o peche oriental achábase na zona máis alta do convento, existindo a continuación un terraplén e as hortas dos Baamonde. Na planta baixa, polo ángulo suroriental, abríase un corredor que viña do claustro e saía cara á referida horta conventual baixo un arco. A continuación atopábanse a adega, a sancristía, e por último a cabeceira do templo. Sobre a devandita planta baixa montaba o chamado «quarto novo», é dicir, as celas realizadas por Rodríguez Maseda na década de 1680 e unha peza común con cheminea. Ás costas da capela maior tamén había un locutorio, e sobre este un miradoiro protexido por unha reixa lignaria ao que saían as monxas”, prosegue.

Finalmente, engade, “o flanco norte do conxunto ocupábao o peche lateral do templo no que se abría a súa portada”.

Da zona oriental do convento, unha visita pastoral en novembro de 1669 “ditaminou que a súa clausura era demasiado laxa, que carecía do debido mobiliario e que a súa fábrica arquitectónica parecía moi defectuosa, atopándose o cenobio “descomposto e desmantelado sen mais abrigo que unhas imperfectas paredes”, aporta o estudoso.

UNHA “RUÍNA ARQUITECTÓNICA”

Ao concluírse as obras en 1658, no convento ingresaron catro franciscanas procedentes de Viveiro. Conta Gómez Darriba que “puideron comprobar que a súa nova casa radicaba nun lugar especialmente frío e húmido, que o resultado da súa construción non facía prever moita seguridade, e que o patrón non cumprira con todo o ditaminado pola fundadora, pois non se fixeran as trinta celas para outras tantas relixiosas e o templo carecía de retablos, órgano, reixas, cadeirados de coro, libros de canto, alfaias litúrxicas e outros aveños necesarios para o culto”.

En decembro de 1670 ameazaron cun preito aos Baamonde por ignorar a súa petición de financiar os retablos e solicitaron máis celas e a reparación dos corredores e locutorios polo seu mal estado; é máis, “as pezas conventuais acháronas […] en moi mala situación, pois á parte de estar pesimamente executadas, chovía no seu interior” e “había celas nas que vivían dúas monxas xuntas por resultar algunhas inhabitables, e que outras estancias, inclusive o coro baixo do templo, presentaban un chan sen entarimar nin enlaxar”, relata o historiador da USC, que cualifica de “paupérrima” a situación na que vivían as monxas.

UN PREITO POLA “PAUPÉRRIMA” SITUACIÓN DAS MONXAS

Nos anos posteriores realizáronse algunhas reformas, coa construción de novas celas e melloras no mobiliario. Porén, “os problemas  tectónicos non desapareceron con estas obras e durante o último cuarto do século XVII houbo que arranxar en distintas ocasións a bóveda do templo, o claustro, ou outras partes do cenobio que deron bo exemplo da escasa firmitas coa que se levantara”.

Foi o arquitecto frei Gabriel quen en marzo de 1708 fixo un recoñecemento pericial, a análise definitiva para sentenzar o lugar, “un informe máis preciso e detallado que o dos seus antecesores, empregando unha linguaxe técnica e uns recursos acordes á súa condición de arquitecto. O experto concluíu que “o mellor remedio para que as monxas gozasen dunha próspera vida no Couto de Outeiro non era outro que derrubar toda a vella fábrica e facela de novo”.

DESMANTELAMENTO

“Finalmente, en maio de 1712 unha devota residente en León chamada María Marquesa Pardo aforou ás monxas uns solares que tiña no núcleo urbano de Mondoñedo e deulles liberdade para que edificasen alí canto quixesen. O 16 de setembro estas rubricaron cos Baamonde as condicións da mudanza. As relixiosas poderían reaproveitar os materiais das súas antigas dependencias no Couto de Outeiro agás no tocante á igrexa, da cal só terían dereito á sección concernente ao último arco  toral e á inmediata capela maior, quedando para o patrón o resto da nave e a media laranxa”, narra o Gómez Darriba.

Mais matiza que o desmantelamento do convento xa se iniciara cara a 1710-1711, se ben “o groso da demolición levouse a cabo ao longo do segundo semestre de 1712, unha vez se asinaron as aludidas escrituras”.

O novo mosteiro, engade, “construíuse entre 1713 e 1717”. Erixiuse “moi probablemente seguindo uns planos do arquitecto José Martínez Celiz”. Nel, “pouco se conserva” do antigo mosteiro da Encarnación, tan só “o retablo maior, algúns brasóns, os arcosolios do altar maior e moi posiblemente a Inmaculada que preside a portada do templo, que de forma esquematica segue o tipo tan codificado a inicios do século  XVII polo escultor Gregorio Fernández”, conclúe.

Imaxe da Inmaculada que preside a actual portada do convento mindoniense da Encarnación,
e que moi probablemente provén do cenobio desaparecido / DARRIBA, JAVIER. “Reconstruyendo” una ruina del siglo XVII. El desaparecido convento de la Encarnación de Mondoñedo. Sémata: Ciencias Sociais e Humanidades.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...