InicioM.ambiente e PatrimonioOs segredos do 'henge' de Lavandeiras, en Xove, ao descuberto

Os segredos do ‘henge’ de Lavandeiras, en Xove, ao descuberto

A retirada da terra que sepultaba o xacemento permite descubrir o maior e máis antigo círculo lítico do Estado e o único, xunto co de Barreiros, que se estudou fóra das Illas Británicas

Publicada o

- Advertisement -

Unha charla divulgativa ‘in situ‘ organizada polo Concello de Xove serviu para explicar a aqueles que se achegaron ao xacemento a importancia arqueolóxica do ‘henge‘ de Lavandeiras, un dos dous únicos círculos líticos estudados por agora en España. O outro é A Roda, ubicado en Santiago de Reinante, no municipio de Barreiros. Deste xeito, A Mariña Lucense perfílase como unha referencia estatal e mesmo europea para a investigación destas estruturas, non atopados fóra das Illas Británicas.

Así o confirma Santi Nogueira, de Ambiotec, o arqueólogo que dirixiu a sondaxe realizada no ano 2017 no xacemento e que este xoves, unha vez removidos os 13.000 metros cúbicos de terra que o ocultaban, explicou, co ‘henge’ ao descuberto, os segredos dunha estrutura circular de pedra que se construíu hai arredor de 4.000 anos.

CATRO MILENIOS DE ANTIGÜIDADE

As probas de carbono-14 e o material cerámico atopado coinciden en datar o xacemento na Idade do Bronce, ben no seu intervalo medio ben no inicial. “Temos pouca cerámica, bastante fragmentada ademais, pero cronoloxicamente e por tipoloxía adscríbese a ese período e a comprobación por radiocarbono veu a certificalo”, expón Nogueira, que precisa que o ‘henge’ barreirense da Roda ten unha datación similar, con 3.700 anos de antigüidade.

A intervención realizada entre febreiro e marzo do 2017 serviu para confirmar a natureza arqueolóxica do xacemento, unha estrutura circular de pedra muraria, asociada a un nivel de derrumbe e restos cerámicos, maioritariamente sen decoración“.

“Tamén fixemos unha intervención na zanxa que parte diametralmente o xacemento, a que había ao pé do terraplén que o sepultaba. Mirando os perfís apareceu material cerámico decorado, un resto pequeniño de cerámica campaniforme, propia da época, e outro que ten un peiteado, do Bronce medio. A que non é decorada adscríbese máis ben ao período inicial”, sinala Nogueira.

Henge de Lavandeiras. AXM

AS OBRAS DO CORREDOR SEPULTARAN O XACEMENTO

O xacemento quedou sepultado polo movemento de terras como consecuencia das obras de construción do treito da Vía de Alta Capacidade (VAC) Costa Norte que vai de Celeiro San Cibrao en maio de 2016, unha situación que motivou as críticas da asociación Mariña Patrimonio, que lamentou que non se protexese un círculo sobre o que a agrupación advertiu no 2015.

80 METROS DE DIÁMETRO, CO FOXO INCLUÍDO

“Agora retirouse o recheo todo que cubría a parte meridional e recuperouse a topografía”, indica o arqueólogo. Así, o xacemento quedou “descuberto todo, en planta, e iso dános un diámetro interno, baseándonos no muro perimetral, de 51 metros“, sinala. Sen embargo, un terraplén e un foxo protexían a estrutura, “e contando estes elementos ímonos a 80 metros“, salienta. Así, sería “un pouquiño meirande que o de Barreiros” e, polo tanto, o maior dos coñecidos no Estado ata o de agora.

Desenterrar o xacemento, unha intervención na que a Xunta de Galicia investiu 166.200 euros, permite “comprobar a súa potencialidade“, asegura Nogueira. “Está un pouquiño estropeado por camiños e valados, pero pódense facer bastantes cousas para que a xente entenda a importancia desta estrutura”, sostén.

LUGAR DE REUNIÓN E DE ENTERRAMENTO

Que significaba este círculo lítico para a sociedade que o levantou? “Este tipo de estruturas, ben estudiadas cientificamente nas en Irlanda en Inglaterra, teñen un carácter ritual. Facían as veces de igrexa ou de casa do Concello, albergaban reunións de carácter social e relixioso: festas, cónclaves… E tamén realizaban enterramentos. Na trincheira deste xacemento apareceron cinco foxas“, resume o arqueólogo.

“Hai que pensar que ata hai ben pouco os atrios e as igrexas non só eran zonas de cerimonia, senón tamén de enterramento. Aquí temos unha zona de reunión, ben delimitada por unha trincheira exterior. Daquela, estas persoas cavan nun sitio que é importante para eles. Hai que salientar que en Inglaterra non só aparecen enterrados seres humanos, senón tamén animais, como cabalos“, indica.

Visita de Mariña Patrimonio á estrutura circular de Lavandeiras. AXM

AS RELACIÓNS CULTURAIS COAS ILLAS BRITÁNICAS, A DEBATE

A inexistencia de ‘henges’ -tan habituais nas illas británicas como os castros en Galicia– noutros lugares de Europa mentres na Mariña Lucense se documentaron dous dá para pensar na intensidade da relación que puideron ter as xentes deste territorio hai miles de anos coas sociedades das terras que hoxe coñecemos como Irlanda ou Inglaterra. O achado pode estimular novas investigacións sobre as relacións entre culturas.

POSTA EN VALOR

Outra materia pendente é a posta en valor do xacemento, un compromiso anunciado pola Xunta. “Finalizada a intervención, veremos que interese hai, porque pódense facer moitas cousas con el”, afirma Nogueira, que plantexa que “habería que recuperar superficies para visualizalos, a fisonomía estrutural, que está algo desvirtuada por camiños. Tamén se podería facer unha intervención no foxo ou na muralla interna”, enumera. Principalmente, fai fincapé na necesidade de mantemento. “Se pos un cartel para que veña xente e hai unha toxeira non facemos nada”, conclúe o arqueólogo.

SAN TIRSO DE PORTOCELO

O Concello de Xove destinará 14.000 euros a unha cata arqueolóxica en San Tirso de Portocelo, outro xacemento singular do municipio, que conta cunha ermida que foi construída sobre un mosteiro medieval na mesma zona onde con anterioridade se ubicou un castro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...