A Xunta de Galicia achegará 120.000 euros para facer un museo na casa de Álvaro Cunqueiro, que está situada na praza da Catedral de Mondoñedo.
A dotación que achegará a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abrangue a adquisición de equipos audiovisuais, a instalación do sistema de seguridade e accesibilidade do centro, a produción de contidos gráficos e audiovisuais, así como a adquisición de mobiliario específico para o espazo expositivo, e a documentación e deseño de contidos da musealización da vivenda do escritor mindoniense.
O conselleiro de cultura, Román Rodríguez, e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, asinaron o convenio no paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia.
“REFERENTE DO TURISMO LITERARIO”
Román lembrou que o proxecto dun museo para o príncipe das letras mindonienses “é unha aspiración colectiva do pobo de Mondoñedo”, e asegurou que a casa-museo de Cunqueiro “será un novo referente no eido do turismo literario para Galicia“.
O conselleiro recordou que tanto a cidade como a praza da Catedral son puntos do Camiño Norte e están incluídos na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.