Os actos de celebración do 800 aniversario da Catedral de Mondoñedo reuniron na cidade episcopal a unha ampla representación de autoridades eclesiásticas, civís e militares, no marco das festas patronais, As San Lucas 2019. Na Casa dos Cóengos, recentemente restaurada, o bispo da diocese de Mondoñedo-Ferrol, Luis Ángel de las Heras, deu a benvida a todos os asistentes, recordou brevemente a historia da Catedral e destacou o proxecto de ampliación do Museo Diocesano e Catedralicio.
Entre as autoridades eclesiásticas que asistiron a estes actos estaban os arcebispos de Santiago de Compostela e Braga e os bispos de Santander, Ourense, Lugo e auxiliar de Santiago. Asistiu tamén o administrador diocesano de Astorga. Entre as autoridades civís, en representación da Xunta estiveron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, directores xerais de Políticas Culturais e Patrimonio Cultural e o delegado territorial en Lugo.
Acudiron tamén o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, así como os alcaldes de Foz, Fran Cajoto, e A Pastoriza, Primitivo Iglesias. A representación militar correu a cargo do xeneral comandante da Forza de Protección da Armada en Ferrol, coronel do Tercio Norte en Ferrol e coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Lugo.
Na súa intervención, a alcaldesa mindoniense, Elena Candia, sinalou: «Hoxe celebramos 800 anos de historia e de espiritualidade da nosa Catedral da Asunción tomando como referencia para esta efeméride o comezo do pontificado de Martín I aló polo 1219 que foi quen, ao fin, establece definitivamente a Sé Episcopal en Mondoñedo, que foi o gran impulsor da súa construción e que consagrará a mesma uns anos máis tarde».
Fonte: Concello de Mondoñedo/Marcos Candia/Facebook.
“LUGAR PREFERENTE” DO CAMIÑO NORTE
Noutro momento da súa intervención, a rexedora destacou: «Dende o comezo da súa historia a Catedral foi o centro da vida mindoniense e na actualidade segue a ser o gran referente da cidade. Como alcaldesa de Mondoñedo quero destacar á nosa Catedral como un elemento dinamizador turístico, un faro guía que nos debe levar a estar nun lugar preferente no Camiño de Santiago do Norte, pois, é tamén hai que dicilo, temos a única Catedral que está no Camiño Norte dende Santander, en Cantabria, ata Santiago de Compostela, fin de todos os Camiños».
VIDEOMAPPING
No marco do Festival Intercéltico das San Lucas proxectouse un videomapping conmemorativo dos oito séculos da coñecida como a “catedral axeonallada”.