IniciosociedadeEndesa arrinca o parque eólico de Pena Ventosa, no Vicedo, cun investimento...

Endesa arrinca o parque eólico de Pena Ventosa, no Vicedo, cun investimento de 9,3 millóns

A instalación, dotada de catro aeroxeneradores de 2 MW de potencia unitaria, evitará cada ano emitir 16.500 toneladas de CO2 e achegará 1,2 millóns anuais ao municipio

Publicada o

- Advertisement -

EFEEnel Green Power España (EGPE), a filial de enerxías renovables de Endesa, conectou á rede o parque eólico Reformado de Pena Ventosa -no municipio lucense do Vicedo-, de oito megavatios (MW) de potencia, que supuxo un investimento de 9,3 millóns de euros, segundo informou a propia empresa. A previsión é que a instalación deixe 1,2 millóns anuais nas arcas do municipio vicedense.

O parque que entrou en operación está dotado de catro aeroxeneradores de 2 MW de potencia unitaria, con rotor tripala de 90 metros de diámetro, sobre unha torre de 78 metros de altura. A produción eléctrica do Reformado de Pena Ventosa “evitará cada ano a emisión á atmosfera dunhas 16.500 toneladas de CO2“, explica a empresa.

48 PERSOAS TRABALLARON NA “NOVIDOSA” CONSTRUCIÓN

Na construción, na que traballaron 48 persoas, aplicouse o modelo de “Sitio de Construción Sostible” de Enel Green Power, incluíndo a instalación de paneles solares fotovoltaicos para cubrir parte das necesidades enerxéticas durante a obra.

Ademais, adoptáronse medidas de aforro de auga mediante a instalación de depósitos e sistemas de recollida de choiva, de modo que, finalizados os traballos, tanto os paneles fotovoltaicos como os equipos de aforro de auga serán doados ao municipio de O Vicedo para o seu uso público.

Esta obra “tamén foi novidosa pola utilización de elementos prefabricados para a construción das zapatas sobre as que se asentan os aeroxeneradores”, engade EGPE.

OUTROS DOUS EÓLICOS EN CONSTRUCIÓN

A compañía precisou que EGPE está traballando de forma simultánea en tres parques eólicos en Galicia, cun investimento de 72 millóns de euros, e o de Pena Ventosa é o primeiro que empeza a producir enerxía, mentres que os outros dous pendentes son o de Paradela, con 12 MW de potencia instalada, e o de Serra das Penas, de 42 MW.

879 MW ADXUDICADOS EN POXAS

José Bogas, conselleiro delegado de Endesa, afirmou que a compañía “xa puxo en funcionamento ao redor de 300 MW dos 879 MW adxudicados en poxas, e está ultimando a conexión á rede do resto de parques para antes de final de ano, o que demostra o empeño da compañía co cumprimento dos compromisos adquiridos nas licitacións”.

“Trátase dun paso máis na aposta de Endesa coa produción de enerxía limpa, un dos alicerces da política nacional de transición enerxética“, engadiu.

EGPE adxudicouse 540 MW eólicos e 339 MW solares en poxas do Goberno celebradas en maio do 2017, cun investimento total de máis de 800 millóns de euros. Nestes momentos, a compañía xa conectou á rede uns 400 MW (339 solares e 60 eólicos), e ultima a construción e conexión dos restantes 480 MW eólicos, que estarán listos para final de ano.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...