A preocupación en torno ás louseiras da empresa Piveri S. L. en Santa María Maior e Lindín, en Mondoñedo, incrementouse estes días tras o “desmantelamento” da canteira da aldea de Beira do Río.
A actividade na explotación está paralizada desde comezos da semana pasada, cando os máis de 30 traballadores e traballadoras deixaron de operar na canteira e se retirou parte da maquinaria. Os empregados –que teñen un mínimo de catro nóminas sen cobrar– están oficialmente de vacacións ata o 15 agosto, pero sospeitan que a intención de Piveri é abandonar a pizarreira. “Ogallá nos equivoquemos, pero todo apunta a que a situación rematará cunha declaración de insolvencia da empresa”, apunta José Luis López, responsable de Industria de Comisiones Obreras en Lugo, que tramita as demandas de doce operarios.
“todo apunta a que a situación rematará cunha declaración de insolvencia da empresa”
Ademais dos impagos, a compañía acumula denuncias por irregularidades e incumprimentos da normativa que puxeron en risco a seguridade dos empregados. Nos últimos meses, os veciños foron testemuñas de derrubamentos nas paredes da canteira que –segundo relatan- “enterraron algunhas das máquinas, e non tiveron peores consecuencias porque non foron en días laborais”. “A responsabilidade final é da Consellería de Industria, que ten a competencia exclusiva ao tratarse dunha mina. Non actúan ante ningunha queixa, non se corrixe ningún problema ata que non teñen máis remedio, e ao final acabamos perdendo todos os empregos”, explica López.
EMPREGO
En relación coa perda dos postos de traballo, o grupo municipal de En Marea anunciou que a semana que ven presentará no Parlamento Galego unha iniciativa para solicitar que se poña en marcha un plan de recuperación da contorna no que poidan traballar os empregados “despedidos”. “Estamos dándolle forma xurídica para rexistrala”, anticipou o coordinador do grupo en Mondoñedo, Manuel Germade. “Algúns quedan no paro en idades moi complicadas, con 50 e pico anos. Recuperar o emprego ten que ser unha prioridade”, reclamou Germade.
DANOS MEDIOAMBIENTAIS
A normativa que regula a actividade mineira obriga ás compañías a presentar e executar un plan de recuperación da contorna. Porén, o Sindicato Labrego Galego (SLG) cuestiona que Piveri acometa os traballos necesarios para paliar as consecuencias da actividade extractiva. “Galicia está chea de ocos de canteiras sen restaurar dos que ninguén se ocupa”, denuncia Iván Lombardero, responsable comarcal do sindicato agrario.
Cando se iniciou a explotación, a canteira (minería por transferencia) ocupaba pouco máis dunha hectárea en Beira do Río pero a súa progresiva ampliación acabou afectando unha superficie superior as nove hectáreas entre Beira do Río e Soutoxuane. A louseira foi gañando terreo “con acordos particulares cos veciños, eludindo os procedementos regulados”, relata Lombardero. “Non nos consta que neste tempo se ampliase o depósito inicial” que tivo que facer a compañía para iniciar a explotación, para a que só obtivo “unha autorización parcial”, engade.
A afectación do río Baos, que abastece o eNCORO de Lourenzá, é unha das principais preocupacións dos veciños
Á marxe da recuperación do chan fértil, un dos principais focos de preocupación para os veciños é a “balsa de decantación” que acumula os residuos da canteira, situada a apenas dous metros do cauce do río Baos. “Se se abandona, un día de choiva irá todo para o río e a próxima balsa de decantación será o embalse de Lourenzá”, advirte o sindicalista agrario.
EXPROPIACIÓNS SEN PAGAR
As reticencias dos veciños a vender provocaron as primeiras expropiacións de terra, a tres familias que -malia non dispoñeren das parcelas desde 2016- aínda non cobraron as indemnizacións. O pasado mes de xuño foron chamadas para un pagamento que finalmente –por incomparecencia da empresa- non se efectou e este venres teñen unha nova cita na que tampouco “esperan recibir o diñeiro”, lamenta Juan Manuel Ron. É propietario e voceiro da Plataforma de Afectados polas Louseiras, que o pasado 30 de xuño se concentrou en Mondoñedo para demandar as administracións reclamasen á empresa “cumprimento da lei”.
INCUMPRIMENTOS E AXUDAS PÚBLICAS
Desde 2015, o Sindicato Labrego Galego e a plataforma veciñal emprenderon diferentes accións para denunciar as irregularidades e incumprimentos en materia medio ambiental e de seguridade, sen que ningún expediente tivese consecuencias efectivas para a actividade da empresa. Paradoxalmente -explica Iván Lombadero-, en agosto de 2017, a empresa foi beneficiaria dunhas axudas da Agencia Galega de Desenvolvemento Local, que lle concedeu 125.000 euros para un proxecto de adquisición de maquinaria para ampliación e modernización da canteira. Entre 2010 e 2013 recibira outros “200.000 euros” en achegas públicas, engade o sindicalista.
DENUNCIAS NO PARLAMENTO GALEGO E NO CONGRESO
As denuncias dos veciños chegaron ata o Congreso dos Deputados xa en febreiro a través dunha batería de preguntas presentada polo deputado de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello na que se aludía “as ilegalidades e incumprimentos das normativas en seguridade e saúde ambiental por parte de Pizarras Veira do Río S. L.”
A problemática tamén tivo eco no Parlamento Galego con iniciativas presentadas tanto por En Marea como polo BNG. Precisamente, o pasado 15 de xuño, nunha pregunta parlamentaria da deputada nacionalista Olalla Rodil, o director xeral de Minas, Bernardo Tahoces, recoñeceu as irregularidades que figuran nas denuncias presentadas pola Plataforma de afectados polas Louseiras e explicou que se ordeara a paralización da actividade.