O Concello de Ribadeo entregou á Orde Marta y María, que é a responsable do Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro, madeira procedente dos eucaliptos retirados no treito situado ao sur da enseada das Aceas.
O goberno local, a través do proxecto Life Fluvial –do cal é beneficiario asociado-, está a realizar a eliminación de formacións de especies exóticas invasoras -principalmente eucalipto- de titularidade privada no tramo situado ao sur da enseada das Aceas, situadas dentro da Rede Natura 2000.
O executivo municipal está a actuar nesta zona da parroquia de Ove para posteriormente restaurar a vexetación natural nesas superficies, para “favorecer o restablecemento nun estado de conservación favorable dos tipos de hábitat do corredor fluvioestuarino da Ría de Ribadeo“, indica.
O goberno ribadense expón que “dende a elaboración da candidatura inicial do proxecto o Concello de Ribadeo, na súa condición de beneficiario asociado de Life Fluvial, tivo o compromiso de que a madeira teña unha finalidade social dentro do territorio municipal”. Para tal fin, “acabamos de facer entrega da devandita madeira á Orde Marta y María, responsable da xestión do Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro, para que se destine ao funcionamento e sostemento ordinario desta instalación radicada no concello”, explica.
Deste xeito, o proxecto Life Fluvial contribúe, a través do Concello de Ribadeo como beneficiario asociado, a que esta entidade sen ánimo de lucro, en virtude da súa actividade habitual, vexa potenciado o seu papel na intervención social a nivel municipal“.
“EXEMPLO” PARA OUTROS MUNICIPIOS
O proceso de eliminación do eucalipto neste área respondeu a un proceso que contemplou a adquisición, mediante expropiación, deses terreos de titularidade privada da parroquia de Ove por parte do Concello de Ribadeo, para que despois, na súa condición de beneficiario asociado do proxecto Life Fluvial, achegue os terreos necesarios para a restauración do corredor fluvioestuarino na Ría de Ribadeo.
A actuación ten “un elevado carácter demostrativo, altamente replicable noutros territorios e situacións, posto que comprende a adquisición de terreos privados para eliminar formacións de especies invasoras que constitúen unha ameaza para a biodiversidade e o patrimonio natural, a restauración desas áreas mellorando o estado de conservación dos tipos de hábitats naturais e seminaturais, e revertindo a madeira eliminada nunha finalidade social dentro dos territorios onde se está a desenvolver o proxecto”, conclúe o goberno municipal.