O voceiro do BNG de Mondoñedo, Eloi Cabanas, pídelle ao goberno municipal que convoque “canto antes” a mesa de traballo comprometida o pasado mes de decembro para analizar o proxecto de reforma da Praza da Catedral.
Cabanas reclama ao executivo mindoniense que “non maree máis a perdiz” e esixe “axilidade” á alcaldesa, a popular Elena Candia, “para que a veciñanza e colectivos interesados saiban con tempo suficiente os pormenores do proxecto e poidan estudalo para logo, se é o caso, formular alegacións ou propoñer cambios a un documento, que segundo indica, está nun estado de tramitación “moi avanzado”.
“A ALCALDESA PUXO O CARRO DIANTE DOS BOIS”
“O proxecto de reforma da praza conta con informe favorable da Comisión de Patrimonio e só lle falta a resolución definitiva do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana para que este poida ser financiado a cargo da partida do 1,5% cultural para a conservación do patrimonio arquitectónico”.
O voceiro do BNG considera que se a alcaldesa tivera vontade de sacar o proxecto a exposición pública para consultalo coa veciñanza, este xa debera ser exposto formalmente unha vez redactado e non agora cando ten os informes sectoriais favorables para poder executar as obras de reforma da praza.
“A alcaldesa puxo o carro diante dos bois, e antes de envialo ao Ministerio primeiro habería que expoñelo ao público para presentar unha proposta o máis consensuada por todos”, argumenta.
Cabanas apunta que hai un acordo plenario promovido polo BNG para que o proxecto sexa posto a exposición pública, acordo que a alcaldesa emendou coa proposta de crear unha mesa de traballo aberta ao público para analizar o proxecto e estudar as modificacións propostas na praza. “Incluso ese día se fixara unha data de celebración da reunión para o pasado 7 de decembro que non se chegou a realizar e da que non soubemos nada máis”, precisa.
CABANAS TEME QUE SE USE O COMPROMISO DE FINANCIAMENTO COMO “UN ELEMENTO DE CONVICCIÓN”
Ante esta tardanza e “logo das declaracións vertidas en prensa fai uns días na que a alcaldesa declaraba que estaba buscando ideas para reformar a Praza da Catedral”, Cabanas pensa que todo se está convertendo nun “paripé” por que o proxecto xa foi redactado e enviado no mes agosto do 2019 ao goberno do Estado para buscar a financiación.
“Esperemos que non se estea agardando polo compromiso firme de financiación do Ministerio para empregalo despois na mesa de traballo como un elemento máis de convicción e non deixemos pasar a oportunidade de facer a reforma da praza unha vez que teñamos partida económica asegurada”, indica Cabanas.