O Concello de Ribadeo, en colaboración coa asociación Os Abelleiros, colocará ao longo dos vindeiros días trampas en diferentes puntos do casco urbano para loitar contra a avespa velutina. A campaña foi presentada pola concelleira de Obras, Mónica Freire, e por Antonio Valea e Marcos Villamil, secretario e presidente respectivamente do colectivo.
Freire anunciou que “desde o Concello de Ribadeo estamos sensibilizados con este problema que supón a praga da velutina, non soamente pola súa incidencia no sector apícola senón tamén polo que pode representar para a poboación en xeral. Deste xeito, en colaboración coa área de Medio Ambiente, imos colocar unha vintena de trampas en espazos públicos, ao longo do núcleo urbano, para durante estes meses de primavera poder trampear ás raíñas e así minimizar o problema que poden supoñer despois ao longo do ano”, expuxo.
Valea, pola súa banda, explicou que o casco urbano “é unha zona que nos quedaba sempre sen cubrir. Este ano o goberno local, cos seus propios medios, vai poñer diversas trampas por varios puntos, xardíns e zonas que nos parecen interesantes, porque é onde primeiro empezan a aparecer os niños primarios de velutina; a temperatura é sempre na poboación un pouco máis alta e era onde en primeiro lugar aparecían. Esperamos solucionar un pouco o problema con esta colaboración. Nós poñeremos o líquido e o Concello vai encargarse de colocar as trampas e revisalas cando sexa necesario”, precisou.
ATRAÍNTE
O atraínte comercial caseiro que utiliza o colectivo é “un mesturado de dous litros e medio de auga, un quilo de azucre e unha pastilla de lévedo fresca de panadería que se compra no supermercado. Iso mestúrase todo, déixase pasar 24 horas, hai que almacenalo sempre destapado porque segue fermentando e pode estoupar, e despois xa se pode repartir polas trampas e ir cambiando o líquido, cada oito ou dez días máis ou menos”, indicou Valea.
O TRAMPEO DE PRIMAVERA ADIANTARASE NO TEMPO
Villamil argumentou que o trampeo de primavera “é o máis efectivo na loita contra a velutina. Normalmente faciámolo do 1 de marzo ao 1 de xuño, pero como estamos a ter estas temperaturas tan elevadas para a época do ano na que estamos, adiantarémolo”. E engadiu: “empezaramos polo núcleo urbano de Ribadeo, porque foi onde apareceron estes anos pasados os primeiros niños de velutina e despois iremos trampeando polas parroquias e polas aldeas. Pedimos a colaboración de todos para loitar contra esta especie invasora, que tantos estragos nos está a causar tanto no sector apícola, frutícola e medio ambiental”, salientou.
CHARLA INFORMATIVA O DÍA 29
O 29 de febreiro, pola tarde na Casa do Mar de Ribadeo, Os Abelleiros impartirá unha charla para todas as persoas que desexen información tanto da avespa velutina como do trampeo de primavera, confección de trampas caseiras e atraíntes.