A Coordinadora Ecoloxista d’Asturies denunciou este luns a través dun comunicado que nos últimos días comezaron a documentarse aves abeiradas tamén nas praias do occidente de Asturias, tal e como ocorreu na Mariña Lucense e en practicamente todo o litoral galego, o que asociacións como Adega ou Cemma atribuíron a un posible “sentinazo”.
O colectivo alerta de que algunhas das aves atopadas “estaban mortas, pero outras aínda con vida. Trátase de fradeciños atlánticos, araos comúns, alcatraces atlánticos e gaivotas cabecinegras, entre outras especies de aves mariñas”, expón.
As aves apareceron “manchadas de petróleo. Todo apunta unha vez máis, e xa perdemos a conta do número de veces que isto ocorre, a un vertido provocado pola limpeza dos tanques ou das sentinas dun dos centos de barcos mercantes que a diario navegan fronte ás costas galegas, un ‘sentinazo'”, asegura a Coordinadora. “O problema é recurrente, cando non é un vertido intencionado é un accidente pero cada poucos anos atopámonos con esta lamentable situación na nosa costa”, concluíu.
Deste xeito, reclama ao Principado de Asturias que “poña en marcha un centro de recuperación de especies mariñas (non só de aves) como os existentes noutras comunidades autónomas. Malia que cada vez que ocorre un destes episodios, sucédense declaracións e promesas de posta en marcha dun destes centros por parte da Administración do Principado, levamos anos demandándoo”, lembra.