A presenza de baleas nas augas de Galicia xa non semella unha anécdota. Este martes avistáronse catro exemplares xuntos a unhas 25 millas de San Cibrao.
A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) informou do avistamento de catro baleas xuntas, probablemente rorcuais comúns, a unhas 25 millas de San Cibrao, identificadas por Ramón Rivas, patrón do veleiro Carrao.
O navegante cubriu un traxecto dunhas 30 millas perpendicular á costa, entre Viveiro e San Cibrao, e veu nel ata 30 surtidores de balea. A presenza de alomenos 30 animais confirma que na zona hai grandes bancos de alimento.
non é habitual ver catro destes cetáceos xuntos, pois non teñen un comportamento grupal. iso fala da abundancia do alimento
Fontes do Cemma aseguran que non é nada habitual ver catro baleas xuntas, xa que non teñen un comportamento grupal similar ao doutros cetáceos, coma os golfiños. A súa presenza indica a densidade do alimento que hai nas augas do Cantábrico.
TAMÉN EN CORRUBEDO
O Servizo de Gardacostas de Galicia tamén advertiu este mércores de que “hai uns días, os compañeiros do helicóptero Pesca 1 tiveron unha visita moi especial durante o seu retorno á base despois dun adestramento”, coa “presenza ao oeste de Corrubedo” dunha “parella de baleas (supoñemos que nai e cría)”. Todo un “agasallo” para a tripulación do Pesca 1.
Ademais destas dúas baleas, ese mesmo día tamén foi avistado outro cetáceo non moi lonxe delas que nadaba en solitario.
OUTROS AVISTAMENTOS
Desde o outono, producíronse varios avistamentos de baleas en Galicia. Desde entón, os científicos están seguindo, abraiados, a visita ás nosas augas destes enormes cetáceos.
Recentemente, o Instituto para o Estudo dos Golfiños Mulares, con sede no Grove, ofrecía as primeiras imaxes submariñas tomadas en Galicia dun exemplar de balea azul alimentándose nas nosas augas.
CADA VEZ MÁIS PRESENZA EN GALICIA
Estes recentes avistamentos levan a pensar que a presenza de baleas azuis en augas galegas non é algo casual e anecdótico, senón que probablemente están achegándose á nosa costa para dar conta dun banco de alimentos.
De feito, os científicos están investigando a chegada de varias baleas azuis desde o outono do pasado ano fronte a Galicia. E esta é a primeira gravación submariña que se fai do animal máis grande do mundo nas nosas augas.