Mondoñedo informará nas parroquias do convenio coa Xunta para a limpeza dos montes

O goberno local adheriuse ao acordo suscrito entre o Goberno galego, a Fegamp e Seaga para cumprir coas faixas de protección estipuladas na Lei de Incendios

A Lei de Incendios esixe eliminar as especies pirófitas cercanas ás casas. EP

O Concello de Mondoñedo tramitará a súa adhesión ao convenio subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga) en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

O Goberno local iniciará unha campaña informativa polas parroquias na que se explicará cales son as zonas afectadas e o propio contido do convenio. Ao mesmo tempo, nos locais sociais das parroquias terán á súa disposición os planos cos espazos delimitados para que os propietarios poidan identificarse como afectados, de ser o caso. Será unha labor que contará coa colaboración de Protección Civil de Mondoñedo.

os titulares que se sumen ao plan gozarán dunha tarifa bonificada de 350 euros por hectárea

PREZO

Os labores centraranse nos terreos abandonados e nos de particulares que se adhiran a un contrato de xestión de biomasa coa entidade xestora do devandito sistema público. Os titulares de montes que se comprometan co sistema aboarán unha tarifa bonificada de 350 euros por hectárea para a xestión da biomasa nos seus terreos.

PLAN DE INCENDIOS

A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, avanza que o goberno local contratará a redacción do plan de incendios. “É un asunto no que sempre se manifestou unha gran sensibilidade pola nosa parte e no que imos seguir avanzando con esta contratación”, abunda.

No marco da loita contra os incendios forestais o Goberno local leva desde o 2015 limpando de maleza con maquinaria cada ano preto de 300 quilómetros de superficie de todas as parroquias, uns traballos que completa con limpeza a man nos lugares de difícil acceso. O Concello tamén se encargou de preto dun centenar de expedientes de xestión de biomasa, chegando nalgún caso á execución subsidiaria.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here