Ence-Enerxía e Celulosa e a asociación de Produtores de Madeira de Viveiro (Promavi) asinaron no hotel Ego de Area un convenio polo cal os empresarios beneficiaranse dun “programa de puntos” que busca mellorar a xestión do monte. O colectivo de comerciantes viveirense é o primeiro que se adhire a esta iniciativa.
O programa de puntos de Ence parte de tres categorías (platino, ouro e bronce) que se asignarán aos produtores na sinatura do acordo de adhesión de cada colectivo ao programa, e revisaranse anualmente na renovación do convenio de compra.
OS COLECTIVOS PODERÁN ACADAR ABONOS, DESBROCES OU TRATAMENTOS FITOSANITARIOS
En función do grado de cumprimento destes parámetros e dos seus obxectivos trimestrais, as asociacións de produtores recibirán a final de ano un número determinado de puntos, aos que poderán sumarse tantos adicionais obtidos coa participación da asociación noutras campañas de compra.
PREMIOS
Así, o programa de puntos premiará “a fidelidade” dos propietarios, co cumprimento dunha serie de compromisos canxeables por fertilizantes, rozas, tratamentos fitosanitarios ou o mantemento de pistas, entre outros.
“LOITA CONTRA OS LUMES”
No acto de presentación da iniciativa, ao que asistiu o presidente de Promavi, Manuel Galdo, Álvaro Eza, director xeral da cadea de suministración da compañía, asegurou que o proxecto “impulsará a mellora da xestión forestal”, o que significará tamén, ao seu xuízo, “un aumento do rendemento dos cultivos”. Ademais, sinala o dirixente de Ence, “esta iniciativa traducirase no coidado do medio e na loita contra os lumes”.