O Concello de Viveiro emitiu un comunicado de prensa no que asegurou que, tralas labores de dragaxe realizadas por Portos de Galicia na ría, encargou a realización de diversas analíticas co obxectivo de coñecer o estado actual tanto da praia de Covas como das augas de baño. O executivo municipal e o BNG viveirense fixéranse eco da “preocupación” veciñal polo vertido de area dragada no areal, ante o que a Xunta de Galicia asegurara que o procedemento contaba “con todas as garantías”.
Segundo explica o goberno local, “tomáronse mostras en dous puntos da auga e en catro puntos da area, en todos os casos na zona de vertido; nas análises realizadas, sobre parámetros microbiolóxicos, obtivéronse resultados favorables en todos os casos”.
O executivo municipal, con todo, apunta que repetirá as probas “dentro de quince días”, incorporando un test de metais pesados, a fin de “comprobar a evolución destes resultados”. Un protocolo que repetirá “ao longo dos dous vindeiros meses“.
Este procedemento completará o seguimento medioambiental das obras de dragaxe “que corresponde a Portos de Galicia, segundo o establecido no Programa de vixiancia ambiental incluído no proxecto da obra, no que se prevé a realización de diversas actuacións, controis, informes e analíticas antes, durante e despois das propias labores de dragaxe; unha empresa contratada polo ente autonómico estase a encargar de executar este programa”, remarca o executivo local.
Ademais, o Concello de Viveiro salienta que solicitou a Portos de Galicia unha copia dos informes que se emitan, por parte dos técnicos competentes, con respecto a este seguimento medioambiental.