A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de formalizar este xoves o contrato para executar as obras de ampliación e mellora da estación depuradora de augas residuais (Edar) de Viveiro, adxudicadas por preto de tres millóns de euros á empresa Espina & Delfín, S. L.
A actuación dispón dun prazo de execución de 18 meses e, segundo expuxo a Xunta de Galicia a través dun comunicado, “o obxectivo é comezala este mesmo verán“. A intervención ten como obxectivo ampliar a capacidade e mellorar o grao de depuración previo ao emisario de todas as augas residuais de Viveiro, incluídas as do núcleo de Celeiro.
AUMENTO DA CAPACIDADE NUN 50%
Esta optimización permitirá tratar a totalidade das augas residuais xeradas no municipio, incorporando cunha nova conexión as procedentes da rede de Celeiro, que actualmente non van á depuradora. Ademais solucionaranse os problemas detectados na actual Edar, pois “deficiencias na súa conservación e mantemento” que atribúe ao Concello, insiste a Xunta, “fan que a capacidade de depuración real sexa menor da inicialmente prevista”, argumenta.
Ao tratarse da mellora e intervención na depuradora que xa está en funcionamento, a medida que se executen as distintas actuacións iranse poñendo en servizo, procedéndose, ao final, ás probas para que todo funcione correctamente. A actuación permitirá incrementar “nun 50% a capacidade de depuración da planta actual e atender 23.700 habitantes equivalentes, deixando cubertas as necesidades de depuración de Viveiro para as próximas dúas décadas”.
MOVEMENTO VECIÑAL DE PROTESTA
O anuncio da sinatura do contrato prodúcese un día despois de que o Concello de Viveiro recomendase non bañarse na praia celeirense despois de que a Xunta detectase nunha analítica cantidades de E.Coli superiores ao parámetro máximo medioambiental.
A finais do verán pasado, o baño neste mesmo areal foi desaconsellado entre o 14 e o 21 de agosto, ao detectarse niveis de E.Coli na auga de ata 2.000 unidades e 500 de enterococo intestinal.
Esta situación provocou unha serie de protestas por parte da veciñanza, farta dos atrasos no saneamento da ría de Viveiro, cun emisario submariño roto que verte augas fecais no estuario e co funcionamento deficiente da Edar.
A ampliación da capacidade e mellora do funcionamento da Edar de Viveiro “contribuirá a obter unha mellora significativa da calidade da auga da ría, que se traducirá, tamén, no resultado das analíticas sanitarias que presentan praias como a de Celeiro”, esgrime a Xunta.
O PROXECTO DE SUBSTITUCIÓN DO EMISARIO, SEN DATA
Respecto ao proxecto de saneamento de Celeiro e á substitución do emisario e execución da nova condución de vertido, a Xunta sostén que “está ultimando” o proxecto, que inclúe un novo tanque de tormentas e mellora da capacidade de bombeo de Celeiro.