InicioM.ambiente e PatrimonioO plan de protección das Catedrais someterase o martes á súa aprobación...

O plan de protección das Catedrais someterase o martes á súa aprobación definitiva

A construción dun aparcadoiro público, dun centro de interpretación e dun novo apeadoiro de Feve ou a creación de rutas seguras a modo de miradoiro son algúns dos proxectos

Publicada o

- Advertisement -

O goberno de Ribadeo levará o vindeiro martes a pleno, nunha das dúas sesións plenarias extraordinarias previstas para ese día, a aprobación definitiva do Plan Especial de Protección das Catedrais.

O alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, subliña que “se trata dun instrumento imprescindible para mellorar os usos públicos da contorna, para favorecer os transportes públicos e para que os centos de miles de visitantes que están vindo, sigan vindo e vaian valorando, se cabe, moito máis a marabilla que temos en Ribadeo”.

19 INFORMES SECTORIAIS FAVORABLES

O rexedor ribadense indicou que “despois de varios anos de traballo puidemos superar con éxito multitude de informes sectoriais de moitísimas administracións, da provincial, da galega, da estatal, ata 19. Este é un instrumento crucial que o puidemos realizar por ser dos poucos Concellos que temos un Plan Xeral de Ordenación Municipal moderno e vixente”, salientou.

“Este Plan Especial das Catedrais é un instrumento imprescindible para mellorar os usos públicos do entorno, para favorecer os transportes públicos, para darlle sentido a unha liña ferroviaria que pasa por alí desde hai setenta anos pero que non para, e para que os centos de milleiros de visitantes que estaban vindo, pero que despois desta pandemia que nos trae de cabeza han volver seguro, sigan vindo e vaian valorando se cabe moito máis a marabilla que temos aquí en Ribadeo”.

“SACAR MÁIS PARTIDO” AO RECURSO

Fernando Suárez engadiu que “logo desta aprobación, para a semana que ven, tocará ir visitar os despachos de moitas administracións, da Deputación, da Xunta, do Estado e se cabe, como non, tamén da Unión Europea para que nos axuden a converter o plan en realidade. É dicir, a construción dun novo aparcadoiro público, a construción dun novo centro de interpretación e de recepción de visitantes, a construción dun novo apeadoiro de Feve ou a creación de rutas seguras a modo de miradoiro desde os cantís”.

“Todo isto con sumo respecto para o medio ambiente, para o mantemento de usos tradicionais e agrarios de toda esa zona e para a integración do turismo en Ribadeo, e tamén por extensión na Mariña e no país. Queremos en definitiva que a xente non chegue, mire e marche como fai ata agora, senón que se lle poida sacar moito máis partido para o noso territorio e para a nosa economía, e sempre coa sustentabilidade medioambiental garantida”, concluíu Suárez Barcia.

ABORDARASE A ESTRATEXIA ECONÓMICA FRONTE AO COVID-19, A PETICIÓN DO PP

A pleno irá tamén o convenio de colaboración con Acisa para o período 2020/2022 por importe de 55.000 euros, así como unha modificación do regulamento de acceso ao Hospital Asilo para igualar os procesos e os baremos aos da nova residencia de maiores. O segundo pleno, a petición do PP, está previsto para as 20.30 horas e no mesmo abordarase a estratexia económica para paliar as consecuencias económicas derivadas da pandemia orixinada polo Covid-19.

Sobre esta última cuestión, Suárez Barcia concretou que “neste caso por gastar o ano pasado máis recursos nosos do que a lei nos permitía, agora teremos que neste 2020 gastar menos. Esperemos que tanto a Federación de Concellos do Estado como a Federación de Concellos de Galicia convenzan ao Goberno estatal para que elimine estes corsés, absurdos neste momento, que están creados no ano 2012 pero que a día de hoxe resultan totalmente inadmisibles para os Concellos porque a responsabilidade dun Concello é que poida destinar os seus recursos a onde o Concello estime e logo sexa a cidadanía quen valide se as inversións estiveron ben ou estiveron mal”.

O rexedor explicou que “neste pleno tamén daremos conta de todos os decretos que fomos creando nesta crise do Covid-19 e onde se estableceron todas as medidas de suspensión no pagamento de determinadas taxas e tributos como poden ser a da auga, do lixo ou do saneamento para todas aquelas iniciativas económicas que por decreto tiveron que cesar a súa actividade, así como outras taxas como a do mercado, a zona ORA, as ocupacións de vía pública, e os cambios nas normativas para facilitar medidas para a hostalería e para os servizos”.

HOSPITAL ASILO

Suárez Barcia contou que “a maiores disto levaremos unha modificación do regulamento de acceso ao Hospital Asilo de Ribadeo no sentido de igualar os procesos e os baremos aos da nova residencia. Con isto o que pretendemos é ir pouco a pouco igualando os dous sistemas e queremos tamén que quede aberta a posibilidade de que poida acceder xente que non sexa de Ribadeo, aínda que os locais evidentemente seguirán tendo prioridade. Como sempre dixemos e diremos, queremos manter estes dous centros para que o número de prazas dispoñibles sexa acorde coa nosa poboación”, manifestou.

CONVENIO CON ACISA

Finalmente, “tamén traeremos ao pleno unha nova proposta de convenio con Acisa, por tres anos de duración, por importe total de 55.000 euros de fondos municipais significando ademais que para este ano 2020 será a maior anualidade cun total de 24.000 euros destinada á mellora do comercio e adaptación ás necesidades desta nova situación que todos empezamos a vivir, e na que a dixitalización terá un papel moi importante”, zanxou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...