EFE. A área de Cultura da Deputación de Lugo asinará un convenio interadministrativo co Concello de Ribadeo, que encabeza a nacionalista Maite Ferreiro, co obxectivo de executar obras de acondicionamento da Casa do ‘Viejo Pancho’, destinada a usos culturais.
En concreto, o goberno local ribadense proxecta rehabilitar un espazo específico para preservar os fondos bibliográficos doados polo dramaturgo Daniel Cortezón, formados por máis de 6.300 libros e 900 revistas. Tamén se pretende habilitar unha sala de exposicións que albergue as figuras orixinais de xigantes e cabezudos “que seguen formando parte da tradición cultural nas festas ribadenses”.
Ferreiro sinalou que “o investimento en equipamento cultural público é clave para soster unha cultura con base no territorio”, polo que os “Concellos e asociacións culturais necesitan espazos adecuados para desenvolver as súas actividades nas mellores condicións posibles”. Pola súa banda, a concelleira de Cultura ribadense, Pilar Otero, agradeceu o “involucramento da Vicepresidencia da Deputación de Lugo”. As obras estarán financiadas con 20.000 euros achegados pola Deputación e con 1.700 euros do goberno municipal, e incluirán “carpintería, impermeabilización, pintado e pavimentación”.
No relativo ao inmoble, trátase da casa natal de José María Alonso de Trelles e Jarén, poeta uruguaio nado en Ribadeo en 1857 e coñecido como “El Viejo Pancho”, un dos escritores máis relevantes da literatura gaucha uruguaia cuxa obra máis coñecida é “Paja Brava”. O edificio é así mesmo “un espazo dinámico e vivo” que acolle parte dos fondos da biblioteca municipal e emprégase tamén como oficina da delegación municipal de Cultura.