A Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (Cemma) anunciou a través das redes sociais o avistamento de cachalotes ao norte da Mariña de Lugo. Trátase, segundo concretou a veterana ONG galega dedicada aos cetáceos, do primeiro rexistro da presenza destes animais na costa do Cantábrico desde o ano 1980, un ano antes de que se prohibise a caza destes animais.
Foi un veciño de San Cibrao, Fernando Fra Rico, quen documentou o avistamento “de catro ou cinco exemplares” desta especie, todo un “espectáculo” para a Cemma, que celebra neste 2020 o ano do cachalote. Estes animais, os meirandes dos cetáceos dentados, foron obxecto de caza sistemática durante décadas, contando algúns especialistas case 5.700 individuos capturados en Galicia nos últimos 30 anos nos que se permitiu esta actividade.