O Concello de Mondoñedo anunciou este martes o inicio dos traballos para catalogar e crear unha base de datos con todos os fondos que garda o Centro Español de Documentación Espeleolóxica (Cede) situado no Pazo de Santo Tomé.
A Confederación de Espeleología y Cañones (CEC) custodia, en colaboración co Concello e da Federación Galega de Espeleoloxía (FGE), os fondos documentais.
O centro abriu as súas portas cun total aproximado de 3.000 volumes, aos que hai que sumar as diferentes doazóns que durante todo este tempo estiveron chegando ao mesmo. Unha das primeiras actuacións que precisa o Cede é catalogar e crear una base de datos de todo o que está nestes fondos. Esta tarefa comezou, grazas a una subvención outorgada pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. O proxecto naceu no ano 2019 e ten por obxecto centralizar a documentación histórica e futura da actividade espeleolóxica, para poder poñela a disposición do conxunto da sociedade española.
Dende o pasado día 10 de agosto a empresa de xestión arquivística Unayta leva a cabo este traballo de catalogación dos fondos do arquivo espeleolóxico. Esta acción “supón un primeiro paso para conseguir o obxectivo marcado: dixitalizar todo o fondo de exploracións e actividades da espeleoloxía española ao longo dos anos”, remarca o executivo municipal.
Entre os fondos deste centro figuran máis de 3.500 publicacións de espeleoloxía, entre elas, libros e revistas procedentes de todo o mundo, así como informes, planos topográficos, carteis, fotos e documentación en soportes como CD ou DVD. Entre outras procedencias, conta con documentos de Romanía, Polonia, Brasil, Canadá, México, Alemaña e Portugal.
ENCLAVE ESPELEOLÓXICO
Con motivo do inicio dos traballos , na mañá de hoxe visitaron as instalación do centro o alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, e a primeira tenente de alcalde, Elena Candia, tamén deputada autonómica. “No municipio da Cova do Rei Cintolo, a creación deste servizo consolida o carácter de Mondoñedo como destino turístico con interese espeleolóxico, en cuxa promoción traballa o Concello”, sinalan deste o goberno local.